A industria galega pende dun fío

A crise da Covid-19, os cambios no marco regulatorio en materia enerxética e o relaxamento por parte da Xunta e do Goberno español no exercicio das súas competencias condenan a industria galega a un escenario en que practicamente ningunha empresa está exenta do risco de fechamento ou de recorte de persoal.
Manifestación de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Manifestación de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Galiza corre o risco de converterse nun deserto industrial. O sector primario, outrora potente, languidece pola falla de políticas para dinamizalo e de capacidade para atraer novos investimentos. A economía se terciariza e focaliza cada vez máis nas grandes áreas urbanas do país, condenando a outro deserto, o demográfico, a moitas comarcas nas que o paro empuxa á xente nova a emigrar.

A situación é grave. A industria galega perdeu desde a crise de 2008 arredor de 6.000 postos de traballo e vai camiño de destruír varios milleiros máis. O seu peso na economía, lonxe de achegarse ao mínimo de 20% que marca como desexábel a Unión Europea, vai do 18% cara abaixo. De momento hai marxe de manobra, mais non son poucas as ameazas que, sumadas ao coronavirus, poñen en risco o futuro do sector primario galego.

Un dos conflitos máis graves que teñen a Xunta, con competencias en materia industrial, e o Executivo español sobre a mesa está relacionado coa produción de aluminio. 

A multinacional norteamericana Alcoa está disposta a fechar a única planta de aluminio primario e deixar na rúa 524 traballadores da principal e outras 450 das auxiliares. Desde o comité de empresa levan meses exixindo unha intervención. De feito, grazas á súa presión, conseguiron que a empresa accedese a negociar una posíbel venda, mais a idea de dar entrada a un competidor no mercado parece non facer moita graza a Alcoa.

Onde tamén piden á Xunta e ao Estado que interveñan é na Coruña, na planta de Alu Ibérica. Os traballadores da factoría, que até 2018 estaba en mans de Alcoa, anunciaron esta mesma semana que levarán á Fiscalía o proceso de venda, primeiro ao fondo suízo Parter, e posteriormente a Grupo Riesgo. Denuncian que a súa situación é critica e animan ás administracións a dar o paso para garantir a continuidade dun sector estratéxico que dá emprego a centos de persoas no país. 

Feches e despedimentos

As empresas do metal están a pagar tamén as consecuencias da crise da Covid-19. Segundo a patronal Confemetal, máis de 68% cren que a súa facturación vaise ver reducida nos próximos meses. Tamén destaca que 14% das empresas do sector tiveron que executar despedimentos e que unha de cada catro prevé facelo no que queda de ano

Ferroglobe, o grupo controlado polo empresario Juan Miguel Villar Mir, anunciou recortes nos seus centros de produción de Francia e España. Na Galiza conta cunha factoría de ferroaleaxes en Sabón (Arteixo). As de Cee e Dumbría, agora baixo a denominación Xeal, estudan presentar un novo ERTE para os seus preto de 300 traballadores. E Celsa, matriz de Celsa Atlantic, con sede na Laracha, ven de anunciar que se acollerá ao fondo de rescate do Goberno español para paliar os efectos da Covid-19 nas empresas.

Todas estas compañías están á espera de que se artelle un mecanismo para ás industrias electrointensivas que substitúa ás actuais poxas de interrompibilidade, mais en moitos dos casos precisan tamén de investimentos para ser competitivas.

Crise no naval

O metal está nunha situación crítica, pero o resto de sectores non están moito mellor. O naval, que no seu día chegou a empregar a 18.000 persoas na Galiza, agora non dá emprego a máis de 3.000. Estaleiros históricos como Vulcano fecharon as súas portas nos últimos anos coa esperanza de volver abrilas algún día. No seu caso, é unha cuestión de vontade política.

Outros, como o tamén vigués Hijos de J. Barreras, sobreviven a costa de pedidos puntuais de empresas que se ven forzadas a entrar no seu capital para manter a empresa a flote, casos de Pemex ou a actual Ritz-Carlton. E en Navantia a cousa non está moito mellor. O estaleiro público leva meses reclamando carga de traballo. As súas gradas van quedar baleiras en breve e o contrato das fragatas F-110 para a Armada española vai tardar en chegar. Tamén exixen unha modernización das instalacións, xa que do contrario, advirten, non haberá futuro.

Nas Somozas, os traballadores de Siemens Gamesa recibiron hai uns días unha dura mensaxe da dirección do grupo que anunciaba que a planta, especializada en pas para eólicos, só ten carga de traballo garantida até final de ano. Despois xa se vería, aínda que recoñecía que o modelo que se fabrica na Galiza non tiña xa moi boa saída no mercado. 

O das renovábeis pode ser o sector que lle dea a volta a este negro panorama. Fálase de eólica mariña en Navantia e de hidróxeno verde en Alcoa, fontes que terán que cubrir o vacío que deixará o feche das centrais de carbón de Meirama e As Pontes.

Presión do persoal

Se as empresas sobreviven e, na maior parte dos casos, polo empuxe dos seus traballadores e traballadoras. Se Alcoa sentou a negociar con Liberty foi grazas á presión exercida nas rúas polo cadro de persoal.

En Alu Ibérica o comité tamén se está a mover para reclamar un futuro para a planta, como fan en Cee e Dumbría para paralizar o ERTE que pretende executar Xeal, á que acusan de intentar facer unha segregación encuberta de actividades (ferroaleaxes e centrais hidroeléctricas).

As mobilizacións sucédense por todo o territorio e acompáñanse en ocasións de accións xudiciais contra a empresa. Noutros casos, os empresarios son os que saen o rescate de firmas históricas. Pasou en Thenaisie Provoté, co apoio da CIG, e pasa en Vulcano, á espera de que o Porto de Vigo decida sobre os terreos nos que se asenta. E mentres as administracións asisten en primeira fila ao triste espectáculo de ver caer a industria.

Comentarios