Clece, filial de ACS, busca facer caixa á conta dun sector fortemente feminizado

A filial de ACS no ámbito da limpeza, residencias e axuda ao fogar, o Grupo Clece, négase a mellorar as condicións das súas traballadoras na Coruña malia que o seu sector foi un dos máis beneficiados pola pandemia. Ademais, denuncian despedimentos de dúas das súas operarias do SAF en baixa laboral. 
Protesta en Chantada contra o Grupo Clece e a privatización do SAF (Nós Diario)
photo_camera Protesta en Chantada contra o Grupo Clece e a privatización do SAF (Foto: Nós Diario)

Unha das maiores fortunas do Estado español, Florentino Pérez, segue a sacar rendemento da pandemia a través do seu imperio empresarial de ACS. Agora mesmo, entre os sectores onde opera, hai dous que continuaron aumentando os seus contratos coa chegada da Covid-19: a limpeza e os servizos de residencias e axudas ao fogar. Unha das súas filiais, o Grupo Clece, conta na Galiza cunha forte implantación en todo o territorio por facerse con servizos de varias institucións. A nivel laboral, desta compañia dependen, só na Coruña, 10.000 traballadoras no ámbito da limpeza. 

Clece tivo en 2019 unha facturación de 1.579 millóns de euros e un beneficio neto de 38 millóns. Foi quen de conseguir, a nivel estatal, contratos "de urxencia" que non pasaron por ningún concurso público e que supuxeron unha entrada económica de 7 millóns de euros. Entre eles figuraban a limpeza de 32 hoteis e o hospital de campaña da Institución Feiral de Madrid (Ifema), este último con repercusión mediática após ser denunciado por cobrar o servizo malia estar as instalacións fechadas. 

Sen aumento de salario e con menos dereitos

Onte as centrais sindicais CIG, UXT e CCOO protagonizaron cazoladas para exixir "un convenio colectivo digno e con dereitos" no sector da limpeza. Concentráronse primeiro diante da sede da empresa Eulen para logo facelo nas instalacións centrais de Clece na Coruña así como nas da patronal.

O convenio de limpeza de edificios e locais rematou a súa vixencia o 31 de decembro de 2019 e desde os sindicatos propúxose unha negociación ao inicio de 2020 que quedou suspendida até o mes de setembro pola pandemia. No mes de decembro a proposta por parte sindical foi dunha suba de 1,5%, ao que se respondeu cunha negativa a realizar ningún incremento en 2020 e realizar un de 0,8% para 2021. 

"Non foi un sector en crise, todo o contrario, multiplicáronse os contratos", explica Juan Manuel Carreira, responsábel da Federación de Servizos de UXT, “podemos dicir que coa pandemia estivo beneficiado polo aumento de servizos”, engade. Ademais, a intención de Clece e doutras empresas do sector é modificar dous artigos do convenio que para a representación sindical son importantes: o dereito á xubilación parcial, que agora mesmo pode facerse con só pedilo a traballadora, e que as xornadas parciais teñen preferencia nos centros cando hai unha vacante a aumentar a xornada.

"Molestáballes por querer contratar a quen querían e non ás que traballan nos centros", explica Carreira. Estas mudanzas afectarían moito por tratarse dun sector no que, segundo este sindicalista, "un 90% son mulleres e delas un 90% traballan con xornadas parciais".

Despedimentos en Chantada

A conflitividade no Grupo na Galiza tamén está presente no sector de axuda ao fogar. Clece xestiona programas en Ponteareas, Chantada, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Compostela, Verín e Vigo. Unha das súas filiais, Samaín Servizos, vén de despedir, en plena pandemia e cunha diferenza dunha semana, dúas das traballadoras do SAF de Chantada que se atopan en situación de baixa por incapacidade temporal, alegando baixo rendemento.

Para a CIG, esta decisión, "ademais de irregular e improcedente, constitúe unha medida para amedrentar o resto de persoal, evitar que collan baixas e escarmentar a quen se atreva a reivindicar os seus dereitos". Nun comunicado lembran que o colectivo de traballadoras mantiveron unha folga e desenvolveron múltiples mobilizacións a finais de 2019 e principios do pasado ano para rexeitar o proceso de privatización do SAF, que o Concello efectivizou no mes de setembro.

Este proceso conta con denuncias contra a empresa por non respectar as condicións laborais e salariais que tiñan as traballadoras previamente, e contra o Concello ao entender que a privatización foi do persoal, non do servizo, "polo que podemos estar ante unha cesión ilegal de traballadoras", advirte Xosé M. Silva, responsábel da CIG de Monforte.

No Grupo Clece e ACS tamén se vacinaron antes de tempo 

A vacinación irregular de responsábeis e membros de grandes empresas tamén tocou ao Grupo Clece. Na listaxe para a inoculación, que realizou a compañía nun centro de Ferrol o pasado 8 de xaneiro, introduciuse o seu xerente na Galiza, Alberto Domínguez Crispín, unha responsábel de prevención de ACS, unha directiva de Talher (empresa dedicada á sostibilidade, xardinaxe e limpeza do mesmo grupo), unha encargada rexional de Integra (empresa especializada na inclusión sociolaboral de persoas cunha diversidade funcional) e unha doutora que traballa cubrindo as gardas das vacacións de verán.

Denunciada esta situación diante da Consellaría de Política Soicial, esta respondeu que na petición formal de vacinación non observaron ningunha irregularidade.

Comentarios