FCC, OHL e ACS, doadoras ilegais ao PPdeG

FCC, OHL e ACS contribuíron ao financiamento irregular do PPdeG. Así o recolle esta sexta feira o diario El País. O rotativo madrileño asegura que Bárcenas ocultou estas doazóns realizadas en 2005 polas empresas de construción á campaña electoral de Fraga

Os pagamentos foron anotados como "doazóns anónimas" polo ex-tesoureiro do Partido Popular. No entanto, Luis Bárcenas confirmou perante o xuíz Ruz que as construtoras FCC, OHL e ACS --contratistas da administración-- entregaran importantes contías de diñeiro á campaña electoral de Manuel Fraga en 2005. 

Iso é o que se tira da información que publica El País esta sexta feira. Segundo o xornal español, Barcenas revelou na súa declaración que as empresas construtoras pagaran ao PPdeG importantes cantidades de diñeiro. "OHL: 300.000 euros en campaña, ACS: comprometeuse a 1 millón de euros" mais segundo o ex-tesoureiro só entregaría finalmente 30.000€. "FCC daba 50.000 euros ao mes" e, continúa o diario en relación ás declaracións de Bárcenas, "vai dar [FCC] 12.000 euros ao mes máis a axuda de campaña". 

O PPdeG era unha das maiores fontes de ingresos --segundo os papeis de Bárcenas-- para a sede madrileña. Ao igual que aconteceu con outras empresas que entregaron doazóns opacas ao Partido Popular da Galiza, ACS, OHL e FCC incorrerían nunha ilegalidade --como tamén o propio partido-- ao vulneraren a lei de financiamento. 

A lexislación vixente prohíbe ás organizacións políticas recibir doazóns de empresas concesionarias dalgún contrato coa administración pública. ACS, OHL e FCC percibían milleiros de euros en contratos de obra pública. 

Comentarios