Piden á Xunta que asuma o copago do servizo no fogar

O PSdeG demanda aumentar o orzamento da Xunta para o Servizo de Axuda no Fogar ordinario e eliminar o copago das persoas usuarias para “que este sexa asumido pola Administración”.
Pleno do Parlamento galego (Foto: Parlamento)
photo_camera Pleno do Parlamento galego (Foto: Parlamento)

Aumentar o orzamento da Xunta para o Servizo de Axuda no Fogar ordinario e eliminar o copago das persoas usuarias para “que este sexa asumido pola Administración” foron as propostas que defendeu no Parlamento galego a voceira de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, por medio dunha proposición que non resultou aprobada ao contar co voto en contra do PP.

“O Goberno galego dá titulares de que agasalla horas do SAF aos municipios e á veciñanza, cando en realidade o que está a practicar cos concellos é o método: Eu convido, ti pagas”, denunciou a socialista.

Ortega lembrou que o 11 de abril a Xunta anunciou un SAF extraordinario “para responder a situacións de emerxencia durante o tempo da alerta sanitaria causada pola Covid-19” e nese momento “comprometeuse a asumir o custo dos mesmos, aumentando a súa cota por hora a 12 euros e asumindo o copago” do servizo.

Pola contra, no caso do SAF ordinario, a Xunta “paga como moito a 9 euros a hora e aforra o copago que recae nas persoas dependentes”, sinalou a socialista, quen pediu á Xunta que equipare os termos do servizo ordinario cos do extraordinario, e libere os concellos de custos que non poden asumir.

Ademais, Ortega instou a Xunta a dotar o sector de material de protección para evitar a propagación do virus, xa que “é inaceptábel que as auxiliares traballen sen FFP2”.

Novo modelo residencial

En canto ao novo modelo de residencias de maiores que o PP prometeu levar a cabo, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, advertiu da carencia de prazas públicas, cunha ratio de prazas por cada 100 habitantes maiores de 65 anos situado en 2,8% sumando prazas públicas e privadas, fronte ao 5% que recomenda a Organización Mundial da Saúde. “Isto beneficia as empresas privadas que controlan o sector, 8 de cada 10 prazas na Galiza son privadas. 

En resposta ao Rodil, a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que o comité asesor sociosanitario configurado para avanzar na definición dun novo modelo de residencias avaliará e analizará "cada centro" para medir "o impacto" da pandemia e, a partir da información obtida, "revisar" a súa "tipoloxía" e adaptala "en función de cada usuario".

Comentarios