A CIG demanda unha suba salarial de 5% para empregados públicos en 2023 e 2024 para paliar a inflación

O sindicato alerta da perda de até 18,6% de poder adquisitivo.
A secretaria de Organización da CIG, Ana Santomé, e o secretario de CIG-Administración, Luís Carballo. (Foto: Europa Press)
photo_camera A secretaria de Organización da CIG, Ana Santomé, e o secretario de CIG-Administración, Luís Carballo. (Foto: Europa Press)

A CIG denuncia unha perda de poder adquisitivo de até 18,6% para as e os empregados públicos desde o ano 2010 debido aos sucesivos recortes impostos polas administracións, de forma que demanda unha suba salarial de 5% tanto en 2023 como de cara ao vindeiro ano 2024. O obxectivo é "recuperar unha parte do perdido", así como a inclusión dunha cláusula de garantía salarial que estea ligada ao IPC se os prezos soben por riba desa cifra.

En rolda de prensa en Santiago, o secretario de CIG-Administración, Luís Carballo, e a secretaria de Organización da central sindical, Ana Santomé, presentaron as súas principais reivindicacións en materia de emprego público, para o que tamén se demanda a eliminación das taxas de reposición, a derrogación de toda a lexislación que carrexou recortes e que se cumpra cunha xornada laboral de 35 horas.

A respecto desta cuestión, Carballo explicou que se emprega o contexto das eleccións para facer un chamamento a "reverter" as políticas das administracións públicas nos últimos anos, que levaron á falta de persoal e exiguas convocatorias de ofertas de contratación, así como un empeoramento dos servizos, entre o que cita como exemplos a Seguridade Social ou o servizo público de emprego.

Así, a CIG require a derrogación do decreto que entrou en vigor en 2010 con José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE) e que supuxo un recorte de 5% das retribucións do funcionariado, así como dos decretos dos gobernos de Mariano Raxoi (PP) —en 2011 e 2012— que deu lugar a unha perda da paga extra e o complemento específico, que "aínda non foi recuperado".

Igualmente, exixe que se eliminen as taxas de reposición que impiden que se cubra máis dun posto por xubilación, a pesar de que se necesiten dúas ou tres prazas a maiores en varios servizos. Apunta que a Lei de orzamentos estatal sitúa en 120% a reposición para colectivos prioritarios e en 110% para o resto, o que non permite "dimensionar persoais" o necesario para procesos como a dixitalización.

Aliás, Carballo cargou contra os tres acordos para a mellora do emprego público asinados por sindicatos como UXT, CCOO e CSIF desde 2017, dos que se desmarcou a CIG, polas súas escasas subas laborais e a taxa de reposición existente, defendeu.

A modo de exemplo, referiuse á situación de municipios con necesidades de persoal e superávit que non poden contratar a máis efectivos ante a limitación existente pola taxa de reposición. Tamén falou de problemáticas que se viven, como que a Seguridade Social teña que tirar de contratacións temporais e interinos ante a necesidade de persoal polas vacantes existentes, o que "bate" coas políticas impostas desde Europa para eliminar a temporalidade.

Comentarios