A CIG chama á "loita" contra o acordo para o emprego de UXT, CCOO e patronal porque "camiña cara á escravización"

"É un mal acordo, lamentábel acordo polos seus contidos, que son unha suma após outra de concesións e renuncias", salienta Paulo Carril.
Manifestación da CIG polo Primeiro de Maio en Santiago de Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Manifestación da CIG polo Primeiro de Maio en Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

A CIG chamará "á loita" contra o acordo para o emprego e a negociación colectiva que asinaron a semana pasada os sindicatos CCOO e UXT coas patronais CEOE e Cepyme, ao considerar que o mesmo "camiña" cara á "escravización das condicións laborais". En rolda de prensa, o secretario xeral da central sindical galega, Paulo Carril, e o secretario confederal de Emprego e Negociación Colectiva, Francisco González Sío, denunciaron "dez aspectos lesivos" desta reforma, que recolle o denominado 'V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) 2023-2025'.

Un acordo que rexeita e ao que se opón a central nacionalista, que convocou asembleas de delegados e delegadas en todas as comarcas galegas o próximo 1 de xuño, reunións que rematarán con concentracións e mobilizacións "para chamar á loita e facer fronte á aplicación deste acordo". Dado que o pacto non ten carácter normativo, a forma na que a CIG propón oporse á súa aplicación é a través das mesas de negociación.

Busca, con iso, "conseguir o que xa se conseguiu en 2022, que na Galiza o incremento salarial medio fose o máis alto do Estado español". O asinado a semana pasada é un "mal acordo", un "lamentábel acordo polos seus contidos, que son unha suma após outra de concesións e renuncias", en palabras de Paulo Carril.

É, ademais, "un acordo que blanquea a ofensiva do capital contra o traballo", nun momento marcado especialmente pola perda de poder adquisitivo debido á inflación. "Institucionaliza os abusos laborais e a precariedade", censurou o líder sindicalista.

Salarios

A CIG entende que "a carestía da vida non é a única causa da caída dos salarios, senón que acelera unha caída dos salarios que nace dun tempo para acó e que ten como obxectivo empobrecer" a clase traballadora. Carril criticou a "renuncia" por parte de CCOO e UXT ás mobilizacións e advertiu de que o acordo para o emprego "deixa dous anos fóra, porque 2021 e 2022 quedan fóra". E chama a atención sobre esta cuestión: "Coincide cos dous anos en que maior foi o incremento do IPC".

Aliás, decreta incrementos salariais "cunha revisión de acordo co IPC, pero estabelece un tope e non xera dereito a atrasos", reprochou. Deste modo, concluíu que "se fai un agasallo á patronal por varias vías: dous anos que quedan sen solución e estabelécese un tope á revisión salarial e non xera atrasos".

Máis aspectos "lesivos"

Entre os aspectos lesivos, que debullaron ambos os sindicalistas na súa comparecencia, Carril apuntou que recolle "diferentes propostas para actuar no ámbito da contratación" que van na liña da "precarización". Así, o pacto "non se resolve o período de proba, que se está convertendo nunha vía para impor o despedimento libre e gratuíto sen indemnización". Ao contrario, asegurou que isto fica "institucionalizado".

No apartado da "tan cacarexada superación da temporalidade", lamentou que "hai un retroceso" e tamén sinalou o "abuso e descontrol da modalidade contratación fixo-descontinua". A reforma rubricada polas dúas organizacións de carácter estatal coa patronal prevé, subliñou, "que as ETT —empresas de traballo temporal— poidan utilizar esta modalidade sen molestia", o que identifica como "un auténtico contrato de explotación laboral".

Así mesmo, no canto de "fixar a xornada laboral en cómputo anual", con este acordo o que se fai é un cómputo semanal, "o que permite esa flexibilidade horaria que é unha permanente posta a disposición ás empresas". En materia de diversidade, a CIG opina que "só hai cuestións declarativas" e "ningunha perspectiva de xénero".

Pola súa parte, González Sío viu "grave" o que se introduce no campo das mutuas, "dando pábulo a que o absentismo é culpa dos traballadores" e, ademais, na vía de "privatizar a saúde dos traballadores" e a sanidade pública. Tamén criticou que "se segue mantendo o abuso" no traballo de persoas con discapacidade, porque "a reforma afianza a discriminación", e referiuse a outras cuestións como o teletraballo, no que unicamente "se reproduce o que di a lei".

Comentarios