A CIG mobilízase contra o novo pacto polo emprego e a negociación colectiva

A central sindical denuncia que o acordo limitará a suba de salarios.
Manifestación da CIG en Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación esta quinta feira da CIG en Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).

A CIG desenvolveu onte asembleas nas sete principais cidades galegas e en Ribeira para analizar o alcance e as consecuencias do V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva asinado por CCOO, UXT e a Confederación española da pequena e mediana empresa (Cepeme). 

"Un pacto co que se pretende limitar a suba dos salarios, malia a grave situación económica que sofre a clase traballadora, frear as mobilizacións en demanda de melloras nas condicións laborais e salariais e que abre a porta á privatización da sanidade pública a favor das mutuas", analizou a CIG. Fronte a isto, ao remate das asembleas, representantes do sindicato manifestáronse para denunciar que o diálogo social é “unha fosa común para enterrar dereitos” e afirmar que “a loita é o único camiño” para conseguilos.

Ao respecto disto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na asemblea e na mobilización convocada en Compostela, denunciou que "este novo pacto social afonda na precariedade, impulsa os abusos das mutuas e contribúe a privatizar a saúde pública". 

Carril advertiu que "empobrecerá os salarios, porque o incremento de 3% que pactaron ten trampa, xa que topan a revisión salarial anual a 1%, mesmo en caso de que o Índice de Prezos de Consumo (IPC) sexa superior". 

Por iso, o secretario xeral da central sindical considerou que o pacto selado "é particularmente grave, máis nun momento no que os beneficios empresariais son históricos, asumindo novamente a clase traballadora en solitario todo o custo do incremento da carestía da vida".

Carril denunciou que con el "regalan á patronal dous anos", xa que a vixencia do acordo é de 2023 a 2025, descartando 2021 e 2022, "período no que a inflación foi de 12,20%", coa "agravante" da creación da Medida Preventiva de Conflitos, "un chamado á paz social para frear a mobilización e facilitarlle á patronal a sinatura dos convenios".

Contratación precaria

Carril argumentou que o acordo é "un auténtico manual para fomentar a aplicación das principais medidas da reforma laboral de 2022, xerando precariedade e inestabilidade".

Nese sentido, apuntou que "se institucionaliza, a través dos períodos de proba, o despedimento libre e gratuíto, como confirma o feito de que xa se incrementaran 800% os despedimentos por esta vía, que se amplía de seis meses a un ano o contrato de duración determinada por circunstancias de produción e que se amplía a modalidade dos contratos fixos descontinuos a tempo parcial".

Comentarios