A CIG reclama a intervención da economía e os sectores estratéxicos con mobilizacións en todo o país

O sindicato mobilizouse nas rúas de 14 cidades galegas.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (no centro), nunha mobilización na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (no centro), na mobilización que tivo lugar onte na Coruña (Foto: Nós Diario).

A CIG saíu esta terza feira ás rúas da Galiza para reclamar "políticas públicas, salarios e pensións dignas para poder enfrontar a situación de crise e pobreza que está a ter un impacto brutal no conxunto das maiorías sociais".  

Por iso, nas 14 mobilizacións convocadas exixiuse "a intervención pública da economía e dos sectores estratéxicos para frear a inflación e a carestía da vida, e unha intervención pública dos mercados para poñer fin á especulación que encarece bens básicos e que fai aumentar de forma multimillonaria os beneficios dunhas poucas empresas".

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliñou que, a pesar das "duras críticas do sector e da dereita española pola súa suposta radicalidade", os novos impostos á banca e ás eléctricas "resultan insuficientes". "Aínda cos milmillonarios beneficios obtidos polos grandes bancos e as eléctricas neste 2022 e aínda que os beneficios das empresas do IBEX medran oito veces máis que os salarios", dixo, "no mellor dos casos trátanse duns pequenos impostos axiña avalados polo FMI, nunha clara demostración de que son inofensivos para o capital", lamentou Carril.

Na mesma liña, criticou "que non se decrete a conxelación dos tipos de xuro para as hipotecas á clase traballadora e ás clases populares, tal e como a CIG vén reclamando desde hai meses". "Non queremos da banca máis códigos de boas prácticas, queremos que non nos asfixien", afirmou o secretario xeral da CIG, lembrando que "aínda estamos pagando o millonario rescate á banca de hai unha década".

Sobre os Orzamentos Xerais do Estado, considerou que "non dan solución ás graves carencias e necesidades sociais e son claramente discriminatorios para a Galiza". Ademais, aseverou, "veñen acompañados de lesivas reformas para satisfacer as duras exixencias da Unión Europea (UE), como a reforma das pensións para ampliar dos 25 aos 30 anos o seu período de cálculo ou a privatización do servizo público de emprego", explicou. 

Carril contrapuxo estas medidas co incremento do gasto militar e as apelacións a un pacto de rendas, do que dixo que "é un verdadeiro pacto de perdas, con subas salariais que non garanten o poder adquisitivo dos salarios, mentres o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e as pensións seguen por debaixo do que recomenda a Carta Social Europea".

Na Galiza, sinalou, "a crise agudízase porque temos importantes sectores produtivos e comarcas enteiras agonizando, con cada vez menos emprego e industria, e máis emigración e poboación avellentada". "Un camiño facilitado", afirmou, "polas políticas suicidas do Goberno do PP na Xunta, que impiden un desenvolvemento propio e que só buscan converter Galiza nun grande camiño de Santiago, avanzar na privatización dos servizos públicos, na eucaliptización dos nosos montes e a consolidación dun novo proceso de colonización enerxética".

"Mobilización para defender os dereitos"

O secretario xeral da CIG instou a intensificar o conflito na negociación colectiva "para que non nos rouben o dereito a negociar na Galiza os nosos convenios". Para rematar, Carril reiterou que "estamos chamados e chamadas ao conflito" para "cambiar as políticas, para acabar co empobrecemento, para que se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos, para a recuperación económica, a defensa dos servizos públicos, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra".

Comentarios