O BNG presenta unha batería de emendas á Lei de Emprego estatal polo seu carácter "privatizador e centralizador"

O secretario xeral da CIG insistiu en que esta lei "non dá respostas aos problemas de emprego, non resolve os problemas de ineficacia das políticas activas de emprego.
Paulo Carril (esquerda) e Néstor Rego (centro) esta cuarta feira en rolda de prensa (Foto: Europa Press).
photo_camera Paulo Carril (esquerda) e Néstor Rego (centro) esta cuarta feira en rolda de prensa (Foto: Europa Press).

O BNG presentará emendas ao proxecto de Lei de Emprego estatal polo seu "carácter privatizador" e "centralizador", ademais de que no canto de permitir avanzar nas políticas de emprego "crea un movemento regresivo".

Así o expuxo esta cuarta feira en rolda de prensa o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, quen tras varias reunións, “coincidiron” nas propostas que deberían ser levadas á Cámara Baixa.

"Esta lei vulnera as competencias das comunidades autónomas, xa que leva a unha maior centralización, entre outras ao cambiar o SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal) por unha axencia española de emprego que coordinará e estabelecerá os principios básicos para deseñar as políticas de emprego", criticou Rego.

Ademais, Rego censurou a "rama privatizadora" da lei, porque sostén que "dá máis capacidade" ás axencias privadas de colocación e "menos control público" sobre estas axencias que "previsibelmente recibirán subsidios públicos". "É unha forma de trasladar unha responsabilidade nas políticas de emprego, que deben ser públicas, a entidades de carácter privado", incidiu o deputado do BNG.

Este feito para os nacionalistas é un "claro paso atrás" en relación co modelo actual, polo que presentaron unha batería de emendas que "van orientadas a corrixir" as dúas liñas fundamentais da lei, xa que entenderon que "non achega nada positivo e vai na dirección contraria".

"Non dá resposta aos problemas"

O secretario xeral da CIG insistiu en que esta lei "non dá respostas aos problemas de emprego, non resolve os problemas de ineficacia das políticas activas de emprego, nin prepara as novas políticas de emprego do Estado para resolver de forma xusta os novos retos do mercado".

Así, Carril sinalou que con esta lei "nin se recuperan dereitos nin se avanza", xa que "non se abordan" cuestións relacionadas coas políticas de emprego.

"Toca aspectos relacionados coa xestión de servizos públicos, pero sen abordar en ningún momento como afrontar a creación de emprego digno nin como protexer, perante a situación de crise en que estamos, o sistema de protección por desemprego", criticou.

Comentarios