Delegadas da CIG demandan "un traballo digno e sen violencias"

Delegadas sindicais da CIG de toda a Galiza reunironse esta sexta feira na Coruña para asistir ao X Encontro Nacional de Mulleres. Ao remate manifestáronse polas rúas da cidade herculina até rematar diante do edificio da Confederación de Empresarias e Empresarios.
Delegadas da CIG manifestándose polas rúas da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Delegadas da CIG manifestándose polas rúas da Coruña (Foto: Nós Diario).

Delegadas da CIG de todo o país reuníronse onte na Coruña para asistir ao X Encontro Nacional de Mulleres da central nacionalista e manifestarse, posteriormente, diante da Confederación de Empresarias e Empresarios para denunciar o que consideran “actitude de permisividade da patronal ante as situacións de acoso que padecen moitas mulleres nas súas empresas”. 

A mobilización enmarcouse na campaña da secretaría das Mulleres con motivo do 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que este ano se desenvolveu baixo o lema "Traballo digno e sen violencias".

A secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, subliñou que as situacións de acoso sexual ou por razón de xénero no traballo seguen estando fóra do foco medios de comunicación e nin sequera existen estatísticas oficiais sobre a incidencia desta problemática.

“É moi difícil para as traballadoras que sofren estas violencias machistas denunciar, porque na maioría dos casos a vítima é posta en cuestión por parte da empresa e incluso por parte do resto do persoal”, declarou. 

Protocolos e información

Castro sinalou que durante a xuntanza de delegadas, “constatamos que este é un problema que afecta a todos os sectores e canto máis precarizado está, maiores son os abusos”.

Neste apartado, lembrou que todas as empresas teñen que contar con protocolos de acoso e deben poñelos a funcionar no momento en que hai unha denuncia. “O que non cabe é obviar as denuncias ou darlle voltas e voltas para que finalmente queden en nada”, asegurou. 

Ademais, salientou a importancia de que, unha vez existen os protocolos, estes se difundan e coñezan entre as traballadoras e os traballadores, "porque en moitas ocasións o persoal non sabe da súa existencia”.

Con esta idea, a secretaria das Mulleres da CIG animou ás persoas que poidan estar expostas ou ser coñecedoras dunha situación de violencia no traballo, “a que acudan ao sindicato para asesorárense a fin de combater esta situación". 

Presión á patronal

Castro explicou que a razón de manifestarse diante da Confederación de Empresarias e Empresarios é “para que teñan claro que non imos consentir máis acosos nos centros de traballo”.

A responsábel sindical lembrou que  a partir de xuño do 2023 será de obrigado cumprimento o Convenio nº 190 da Organización Internacional do traballo (OIT), o primeiro tratado internacional que recoñece o dereito de toda persoa traballadora a desenvolver a súa actividade libre de violencia e acoso e que inclúe de xeito expreso a violencia e o acoso por razón de xénero.

“Desde a CIG imos pedir a súa aplicación e imos ser tallantes no seu cumprimento. Estamos no século XXI e non podemos consentir máis violencias contra as mulleres”.

Comentarios