xoves 21/10/21

A CIG exixe en Pontevedra a convocatoria dunha mesa galega do sector da automoción

Preocupación polo futuro de PSA Citröen en Vigo. A CIG manifestouse onte polas rúas de Pontevedra en defensa do sector da automoción e para reclamar a fin da "precariedade" das traballadoras e traballadores.
Manifestación CIG-Automoción en Pontevedra (Nós Diario)
Manifestación CIG-Automoción en Pontevedra (Nós Diario)

A CIG manifestouse onte polas rúas de Pontevedra en defensa do sector da automoción e para reclamar a fin da "precariedade" das traballadoras e traballadores. A acción tivo lugar no Polígono empresarial do Campiño desde a fábrica de Trèves até Aludec, dúas empresas do sector de automoción que están directamente afectadas polas decisións que se adopten na fábrica de vehículos que PSA Citröen ten en Vigo. 

Desde o sindicato nacionalista encadran esta mobilización dentro da campaña que teñen en marcha desde hai máis dun ano reclamando ao sector de automoción solucións contra a precariedade laboral. En concreto, a CIG reclama a creación dunha mesa galega do automóbil, a loita contra a precariedade laboral, a aplicación do convenio sectorial e o impulso dun plan galego para a automoción. A central mostrou a súa preocupación ante a falta de planificación de cara ao futuro en PSA e á falta de investimentos para adaptarse ás medidas que se estabelecerán na futura Lei de Transición Ecolóxica e demandan un plan galego para esta industria con apoio ao I+D+i no sector.

CUT impugnará o convenio de PSA en Vigo 

O sindicato CUT anuncia que estuda impugnar o proceso de negociación do convenio colectivo da planta de PSA Citroën en Vigo após constatar que "se están producindo modificacións constantes" e se recollen cambios "que non foron negociados", segundo explican nun comunicado.

Lembran que o acordo só contou co respaldo do sindicato independente SIT que "non remata coas xustas reivindicacións da clase traballadora, na mellora das súas condiciones socio-laborais". Por este motivo convocan para o día 25 de febreiro ás 12 horas a unha manifestación "sen siglas", que sairá desde a praza de América e rematará na porta principal da fábrica de Balaídos.

Baixan as vendas a nivel mundial de PSA

O Grupo PSA recortou 14,3% as súas matriculacións mundiais durante o mes de xaneiro, cun volume de 206.861 unidades en comparación coas 241.454 unidades entregadas no mesmo mes de 2019, segundo datos publicados pola propia empresa. A maior caída foi na China e no sudeste asiático (-68,5%), Europa (-14,2%) e India e Pacífico (-13,7%). Por marcas Peugeot pechou o primeiro mes deste ano con 82.113 unidades vendidas (-9,5%), mentres que Citroën vendeu 56.711 unidades (-13%) respecto ao mesmo período de 2019. 

comentarios