Fenda salarial: as mulleres galegas traballarán gratis de aquí ao remate do ano

A diferenza entre os salarios de homes e mulleres ascende na Galiza a 9,3%, o que se traduce en 34 días traballados 'de balde'.

Para gañar o mesmo que en Alemaña, os galegos e galegas precisarían traballar 22 meses ao ano. (Foto: Arxina)
photo_camera 115.000 mulleres teñen contratos a tempo parcial, por volta de 35.000 homes. (Foto: Arxina)

As mulleres galegas cobran, por hora, 9,3% menos que os homes, un dato moi semellante ao do resto do Estado español. Nos extremos fican Asturias (14%) e Estremadura (menos de 1%). Son datos que expón UXT e que poñen o foco nunha desigual realidade: esta fenda salarial tradúcese en que as mulleres traballan 'gratis' 34 días por ano; isto é, que esta segunda feira, 28 de novembro, os homes traballadores galegos sumarán o mesmo salario a nivel anual que as mulleres en todo ano, o que pode interpretarse como que as mulleres non cobrarán polo seu traballo de aquí ao 31 de decembro.

O sindicato subliña que, na Galiza, 115.000 mulleres teñen contratos a tempo parcial, por volta duns 35.000 homes. "E os complementos que reciben as mulleres, na maior parte dos casos, ou son inexistentes ou moi inferiores aos dos homes", apuntan desde UXT.

No conxunto da Unión Europea a diferenza salarial fica en 13%, o que representa 47 días de salario, sinalan. Dentro do espazo comunitario, Letonia está á cabeza, con 22,3%, mentres en Luxemburgo a fenda cae a 0,7%.

Con estes datos sobre a mesa, UXT chama a "seguir traballando" para eliminar estas diferenzas, e entre outras propostas insta a aprbar, "cando antes", a directiva de Transparencia Salarial da UE, que "contribuirá a reducir a fenda salarial en todos os Estados membro". Unha norma, lamentan, que "vai pospoñendo o momento da súa adopción" por parte da Unión.

"Aínda que desde hai máis de 45 anos existe unha lexislación europea sobre a igualdade salarial entre mulleres e homes, a fenda salarial de xénero na Unión Europea segue sendo inaceptabelmente elevada", alertan as sindicalistas.

Lembran, aliás, as propostas da Eurocámara, perante as comisións de Dereitos da Muller e o Emprego, para que as empresas de cando menos 50 empregados sexan "totalmente transparentes a respecto dos seus salarios", para o que busca imporlles a obriga de informar sobre a fenda salarial e prohibir nos contratos o segredo salarial. "A implantación desta norma comunitaria en todos os Estados membro contribuirá a reducir a fenda salarial entre mulleres e homes", aseguran desde UXT.

No que atinxe ao mercado laboral do Estado español, por outra parte, o sindicato celebra o acordo alcanzado para o salario mínimo interprofesional (SMI) e chama a "seguir reivindicando o seu incremento", ao tempo que demanda un real decreto sobre igualdade retributiva "que debería permitir ás traballadoras españolas coñecer os motivos da súa discriminación salarial e eliminalos, corrixilos e previlos nun futuro a través dos plans de igualdade e os convenios colectivos".

Comentarios