mércores 20/10/21

A CIG cualifica de "raquítica" a nova suba do salario mínimo

O sindicato denuncia que aínda está lonxe dos 1.150 euros que marcan 60% do salario medio estatal.
Traballadoras nunha fábrica de conservas (Imaxe: Jealsa)
Traballadoras nunha fábrica de conservas (Foto: Jealsa)

A suba do salario mínimo interprofesional (SMI) pactada esta semana entre o Goberno español e os sindicatos UXT e CCOO non acaba de convencer a todo o mundo. É o caso da CIG, que advirte de que o incremento pactado, de 1,5%, "dificulta o cumprimento" do compromiso de chegar aos 1.150 euros que representan 60% do soldo medio actual, e "non compensa" a perda de poder adquisitivo (a inflación aumentou na Galiza 3,9% o pasado mes de agosto). 

Neste senso, desde a central sindical consideran "raquítica" e "miserábel" unha suba que de desde o propio Ministerio de Traballo foi cualificada de "desconxelación", apuntan. 

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Paco Sío, asegura que "con este pacto prodúcese unha escenificación que non é críbel e na que a patronal interpreta un desencontro co propio Ministerio cando os seus representantes participaron na comisión de expertas que avalou este incremento insuficiente".

Nesta liña, Sío censura que de nada vale que o Estado español ratifique a actualización da Carta Social Europea, como fixo recentemente, se despois a incumpre "ás primeiras de cambio". Indica que no artigo 4 da devandita carta recoñécese "o dereito das persoas traballadoras a unha remuneración suficiente que lles proporcione a elas a ás súas familias un nivel de vida decoroso", e que o Comité de Dereitos Sociais de Europa estableceu en 60% do salario medio, que no Estado español sería de 1150 euros.

Porén, o responsábel sindical explica que a comisión de expertas colleu como referencia para calcular o SMI os datos aportados pola Enquisa de Estrutura Salarial do ano 2018, que apunta a un salario medio anual de 24.009,12 euros ou a un salario mensual de 1.028 euros en 14 pagas, cando o salario medio mensual do último trimestre de 2020 foi de 1.899,9 segundo o propio INE.

Polo tanto, apuntan, 60% dese salario neste 2021 debera ser de 1.139,94 euros, aproximadamente, uns 165 euros ao mes máis da suba salarial que acaban de aprobar. Mais a este incremento temos que engadirlle as diferentes subas do IPC nos anos 2021, 22 e 23 que se perderían ao aplicar o cálculo do ano 2018 sen ter en conta todas as subas que se van a producir.

Pobreza laboral

Na CIG alertan de que os asinantes do acordo, coñecedores da existencia deste compromiso, "vanlle roubar máis de 10% do soldo ás persoas traballadoras máis empobrecidas, que na súa maioría son as mulleres, a mocidade e as migrantes".

Critican tamén que, mentres a maioría dos estados aumentaban o SMI en 2020, o Goberno español conxelouno, e no 2021 aplica unha suba moi por debaixo do IPC, facendo perder poder adquisitivo ás persoas traballadoras nun momento de crise como o actual.

Ademais, denuncian que tanto o Banco de España como a CEOE veñen publicando informes "enganado e confundindo" a opinión pública sobre a suposta destrución de emprego pola suba SMI. 

comentarios