A CIG convoca unha manifestación para esta quinta feira en Lugo para reclamar "salarios e convenios dignos"

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi 'Tupi', recalcou a aposta do sindicato pola negociación colectiva como ferramenta "fundamental" dos traballadores para mellorar as súas condicións.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (terceiro pola esquerda), durante unha manifestación na Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (terceiro pola esquerda), durante unha manifestación na Coruña (Foto: Nós Diario).

A federación de Industria da Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou unha manifestación de delegadas e delegados para esta quinta feira, día 13 de abril, en Lugo co obxectivo de loitar por "salarios e convenios dignos" e para defender o dereito para negociar na Galiza as condicións de traballo.

En concreto, a mobilización sairá ás 11 horas de diante do local sindical e terminará na Praza de Santo Domingo.

Precisamente, a elección de Lugo para levar a cabo esta reivindicación tamén pretende apoiar a loita do persoal do sector do metal e do comercio do metal polo seu convenio provincial.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi 'Tupi', recalcou a aposta do sindicato pola negociación colectiva como ferramenta "fundamental" dos traballadores para mellorar as súas condicións, "máis no actual contexto de empobrecemento dos salarios por mor do elevado custo da vida".

Suba por baixo do IPC

Así mesmo, lamentou as propostas económicos trasladadas pola patronal de Lugo na mesa de negociación, subliñando que a CIG non asumirá ningún incremento que quede por baixo do IPC real "como referencia para garantir o mantemento do poder adquisitivo".

Comentarios