A ‘cesta de nadal’ dunha empresa de Outeiro de Rei: o despedimento de todo o persoal

Tegestacín anuncia un ERE de extinción para a factoría neste concello da comarca de Lugo.

Protestas contra Tegestacín diante de Medio Rural (Foto: Arxina)
photo_camera Protestas contra Tegestacín diante de Medio Rural nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina)

Tegestacín, a sociedade que actualmente leva a antiga planta de Leche Pascual en Outeiro de Rei, comunicou este 24 de decembro á representación dos traballadores e das traballadoras o inicio do período de consultas para a extinción da totalidade dos contratos na factoría de Outeiro de Rei.  A factoría dá traballo a 70 persoas

A noticia, sinala a CIG, supuxo o particular e ‘macabro’ agasallo de nadal da empresa ao seu persoal. “Por diante fican datas intensas nas cales haberá que avaliar o contido e as xustificacións realizadas pola empresa” e dar a resposta adecuada, aponta o sindicato nacionalista

O comité e o persoal amosan a súa máxima preocupación diante desta situación pero tamén a incerteza polo futuro que a empresa terá pensado para estas instalación.

O comité, diante dos últimos movementos acontecidos na planta, solicitou diversas reunións coa Xunta “na intención de que sexa parte interesada polo futuro das instalación desta industria e no mantemento dos postos de traballo”.

“A CIG manifesta o total rexeitamento á actuación empresarial, quen vén orquestrando o seu particular desenlace nunha clara operación especulativa, sen solución de futuro para o persoal nin para as instalación”, denuncia o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López.

Neste senso, subliña que calquera alternativa de futuro para a fábrica de Outeiro de Rei ten que pasar por garantir a continuidade de todos os postos de traballo.

A CIG considera moi preocupante esta decisión empresarial “que volve situar no peche esta fábrica”, despois de que Leche Pascual decidira hai anos abandonar a produción e tras o fracaso do proxecto Alimentos Lácteos.

Por iso, o secretario comarcal da FGAMT-CIG insiste na necesidade de clarificar os motivos desta medida empresarial, e de buscar alternativas que engadan o valor engadido da actividade e permitan o mantemento de postos de traballo.

Comentarios