Tegestacín fechará a súa factoría nas antigas instalacións de Leite Pascual en Outeiro de Rei

A empresa tería trasladado ao cadro de persoal a súa intención de parar a actividade, o que suporía a perda de 70 postos de traballo.
Protestas contra Tegestacín diante de Medio Rural (Foto: Arxina)
photo_camera Protestas contra Tegestacín diante de Medio Rural, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina)

A CIG vén de denunciar que a empresa Tegestacín ten previsto parar a súa actividade industrial en Outeiro de Rei, provocando a desaparición de outros 70 postos de traballo que se sumarían aos centos de empregos en risco polos despedimentos en compañías como Vestas.

Segundo a central sindical, a firma xa trasladou ao cadro de persoal a súa intención de fechar a planta no municipio.

Dáse a circunstancia de que Tegestacín comezara a operar na antiga factoría que Leite Pascual abandonou na localidade.

Para a CIG, o proceso informativo á representación laboral fíxose "nun corto espazo de tempo", apenas sen marxe de maniobra. No entanto, nun comunicado puntualizou que aínda "non existe un anuncio formal por parte da dirección".

Así, non se coñecen que datas se manexan para proceder aos despedimentos e, polo tanto, a destruír outros 70 empregos na Galiza.

Impacto para toda a comarca

En calquera caso, a entidade cualifica de "altamente preocupante" a intención da empresa. Xa non só polos postos que soporta de forma directa, senón tamén polo "gran impacto" que implicaría a desaparición da actividade na economía dos concellos limítrofes, que tamén viven indirectamente dos labores da compañía.

Neste contexto, desde a CIG amosan gran desconfianza sobre as motivacións que poidan existir detrás deste anuncio extraoficial da compañía, pois o ERE para a fábrica de Outeiro de Rei xa foi unha ameaza con anterioridade.

Este anuncio xurde en medio doutra onda de protestas no sector lácteo do país.

Comentarios