Centos mobilízanse en Viveiro contra o feche de Vestas

Multitudinaria protesta en Viveiro contra o feche da fábrica de Vestas que afecta 115 traballadoras e traballadores de forma directa e impulsa a desertización industrial da Mariña e a Galiza.

Mobilización contra o fechamento da fábrica de Vestas en Chavín, Viveiro
photo_camera Mobilización contra o fechamento da fábrica de Vestas en Chavín, Viveiro

Viveiro acolleu este sábado 25 de setembro unha multitudinaria protesta convocada polo persoal de Vestas fronte ao anunciado fechamento da factoría, que afecta 115 traballadoras e traballadores.

Centos de persoas da Mariña, incluído persoal da fábrica de Alcoa en San Cibrao (Cervo), cuxo futuro laboral tamén está en risco; sumáronse á concentración convocada na Praza do Concello de Viveiro, onde corearon consignas como "Queremos traballar e non emigrar".

Na protesta participaron tamén cargos de distintos partidos, entre outros, os parlamentares Elena Candia (PP), Daniel Castro (BNG) e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Ademais desta concentración fóra da fábrica, o persoal leva concentrándose diariamente desde a cuarta feira ante as instalacións da planta en sinal de "desaprobación" ante o "duro" e "inexplicábel" anuncio da compañía, previsto para finais de ano.

Segundo explicou o presidente do comité de empresa, David Mariño, a concentración nas instalacións farana diariamente, de segunda a sexta feira, ás 10.30 horas, durante os 20 minutos que dura o seu descanso regulamentario.

Os traballadores "non" entenden unha decisión "totalmente sorpresiva" e consideran que o anuncio do ERE "foi desapiadado", dado que "non houbo ningún aviso previo nin sinal".

“Vestas non se fecha”

No transcurso da concentración, os traballadores ratificaron que están no seu conxunto "en contra da decisión". "Non ten sentido que unha empresa como Vestas, con grandes beneficios, feche a nosa fábrica cando mellor o está a facer, e todo para sacar máis beneficios fabricando en países con peores condicións laborais", esgrimiron.

"Máis beneficios aínda, porque non ten perdas. Máis beneficios a conta de 115 familias da comarca", reivindicou o cadro persoal, composto -proclamou- por traballadores "cualificados e comprometidos" capaces de "loitar a contrarreloxo" e de "competir contra a peor das competencias".

"Sempre fomos e seguimos sendo unha fábrica rendíbel, un exemplo para seguir, superando os retos impostos. Non se entende que esta empresa que acaba de adquirir terreos para a súa ampliación, que consegue legalizar as propiedades con axuda do Concello de Viveiro, que alardea dos plans de futuro para Chavín, agora marche sen máis", concluíron, coa advertencia de que A Mariña non se pode permitir "perder nin un só posto de traballo máis".

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na protesta, insistiu na necesidade de que A Mariña reaxa, intensificando a mobilización social "para frear esta impunidade empresarial que deixa sen futuro industrial non só esta comarca, senón todo o país". Carril apelou á responsabilidade dos Gobernos galego e español para que actúen de inmediato, tomando medidas para impedir que Vestas execute o fechamento da planta e o despedimento colectivo.

"Non se pode consentir que no marco do proceso de descarbonización da economía e en plena ofensiva de colonización enerxética, no que a Mariña é un obxectivo destacado, se destrúa o tecido produtivo e os empregos na actividade relacionada con este sector. Non podemos permitir que se repita en Viveiro o que pasou recentemente nas Somozas", aseverou Carril. Por iso, urxiu os gobernos a pór xa solucións concretas enriba da mesa, mais tamén "a ter a valentía política que non tiveron até agora e intervir a fábrica de aluminio de San Cibrao para rematar dunha vez coa ameaza permanente á que Alcoa ten sometida a comarca".

Desde Comisións Obreiras rexeitaron tamén o fechamento desta fábrica de Vestas en Chavín (Viveiro), que xera 115 empregos directos “e incontábeis postos de traballo indirectos”. O secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, exixiu esta semana a implicación das Administracións para evitar que se concrete esta decisión empresrial. “É incomprensíbel e de todo intolerábel que os que nos gobernan estean a permitir o desmantelamento industrial da Galiza”, lamentou.

“Facer o imposíbel” para deter o deserto industrial

“A Mariña deixa claro de novo que quere traballar na súa comarca e no seu país”, sinalou o deputado nacionalista Daniel Castro. Agora a sinalada é Vestas, lamenta, “unha empresa máis que se suma a unha longa lista que vai camiño de facer que vivamos nun deserto industrial e demográfico”.

Desde o BNG, asegurou o deputado en Twitter, farán “o imposíbel” por evitar o fechamento e o deserto industrial.

“Que a Xunta pare o ERE”

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou as Administracións para traballar conxuntamente e puxo o foco na Xunta, ante unha semana "crucial".

Así, instou o Executivo galego a "exercer as súas competencias" e "paralizar o ERE", co fin de "dar tempo para buscar unha alternativa e que Vestas reformule a súa postura" de fechar unha empresa que "produce de forma competitiva, é rendíbel, e realizou investimentos apoiada polas Administracións.

"Non se pode perder o tempo", advertiu o dirixente socialista, que subliñou que a Xunta debería exercer as súas competencias en política industrial para atallar "as crises" que afectan este sector na Galiza.

O PP acusa o nacionalismo de “fobia” eólica

Pola súa banda, a presidenta do PP en Lugo e deputada no Parlamento galego Elena Candia insistiu na necesidade dunha fronte común para "defender o emprego e o futuro industrial" da comarca da Mariña, e coincidiu en que a decisión é "inxusta" porque fecha unha fábrica que é "rendíbel e competitiva".

A dirixente popular cargou contra a "errada política enerxética" do Goberno estatal e contra o que denominou "a fobia nacionalista" contra os eólicos porque "trae nefastas consecuencias para o emprego nunha comarca xa afectada pola crise de Alcoa".

Comentarios