A cara B das obras do AVE na Galiza: “Non me explico como non houbo máis mortos"

O sindicato CIG publica os testemuños de traballadores nas obras da alta velocidade en Ourense.

vilavella

A CIG denunciou recentemente en Inspección de Traballo as condicións de traballo nas obras do AVE en Ourense, como os excesos de xornada de case 70.000 horas.

Agora, a central nacionalista fai públicos unha serie de testemuños de traballadores nesas obras para denunciar “as condicións de escravitude, explotación e falta de seguridade laboral “ que se padecen nesas obras. O sindicato indica que varios operarios pediron saír con nome suposto por medo ás represalias ou dificultades para traballar noutras empresas do sector.

A seguir, reproducimos os testemuños que fai públicos a central:

Xurxo

"Botabas todo o día a traballar coma un escravo, cos encargados berrando e insultando"

“Traballamos metendo travesas sen parar dende as 8 da mañá até as 9 ou as 10 da noite, até que eles che mandaban parar; nese tempo estabamos sen comer ou ben comiamos dentro do túnel, case sen parar, un bocata que che daban alí”.

Afirma que ás veces permitíanlles ir comer ao hotel no que se aloxaban, “pero descontábanche unha hora” de traballo do seu soldo. “Ao final botabas todo o día traballando coma un escravo, cos encargados berrando e insultando todo o tempo”.

“Cando me botaron déronme de baixa voluntaria por non presentarme ao choio, así que nin cobrei a indemnización nin sequera tiven dereito ao paro”.

Ahmed

É un operario magrebí. A CIG afirma que o pouco de asinar o contrato para as obras do AVE e tras traballar uns días, deixaron de contar con el. “Cando preguntei por que non me chamaban para traballar dixéronme que uns tipos que xa me coñecían de antes lles foran dicir á empresa que eu estaba afiliado á CIG”. Desde entón, hai xa seis meses, non o volveron chamar, sempre segundo esta central.

Xulio

Ë un dos varios operarios que contactou coa CIG, di os sindicato, para denunciar, entre outras cousas, a falta de auga potábel nas obras. “Pedímola unha e outra vez, pero non nos fixeron caso; non había auga nin para facer a masa; mandábannos beber do mesmo depósito no que nos lavabamos; esa auga viña dun rexistro próximo; unha vez levantei a tapa desa arqueta e había excrementos humanos dentro”.

“Facíamos 12 horas, moitas veces de madrugada, e nin nos pagaban as nocturnidades. Para cobrar sempre dependías do que decidía apuntar o encargado nos seus partes de horas; se te levabas mal con el, esquécete. Aínda a día de hoxe non firmei ningún papel.”

Xaime

Transportista que tamén prestou servizos nesta obra: “Cando chegabas alí moitos operarios achegábanse ao camión para preguntarme se tiña auga potábel, era terceiromundista”.

Manolo

Chofer sudamericano que prestou servizos no túnel de Cerdedelo. “Traballabamos 12 horas mínimo, de 8 a 8, de día ou de madrugada, máis a hora e media que nos levaba chegar ou marchar da obra”.

“Traballamos con medo; os dumpers ían pola obra coma se fose unha autoestrada, e moitos choferes bebían e até se drogaban diante nosa”.

No interior dos túneles as condicións eran duras: “Traballabamos coa auga polos xeonllos, cun ruído estremecedor, sobre todo cando facían as voaduras; sentías vibrar a terra antes sequera de chegar o son coma un terremoto, e logo todo era fume, eu non vía a luz rotativa laranxa do camión a un metro”.

Pedro

“Nunca traballamos menos de 10 horas e non nos pagaban as dietas nin as horas extras, pero eles si llo facturaban aos clientes”.

“Nin sequera tiñamos ferramentas. A veces nin non nos ingresaba a nómina normal, e aínda que protestaras non che facían nin caso; ao final tiña que chamar eu a Madrid [onde está domiciliada a empresa] para que me pagaran”.

“Tiñamos firmado que roupas nos ían dar, e cando chegou o inverno pedímoslle á empresa a roupa de inverno pero negáronse a nola dar. Traballamos varios días mortos de frío.”

“Iamos entubar sen arneses de seguridade, liñas de vida, nin redes, literalmente suspendidos sobre o baleiro. A xente andaba sen casco e ninguén dicía nada, non me explico como non houbo máis mortos”.

Comentarios