luns 25.05.2020

Denuncian "escravitude laboral" nas obras do AVE en Ourense

Perto de 70 mil horas extras abusivas realizadas nun ano, afirma a CIG
Obras no túnel do AVE en Ourense (Foto: CIG).
Obras no túnel do AVE en Ourense (Foto: CIG).

A Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG relanzou a campaña iniciada no 2018 para denunciar a “vulneración masiva de dereitos laborais” nas obras das novas vías do AVE entre Ourense e Lubián, e concretamente no tramo máis próximo á Gudiña, onde se dan unhas condicións de traballo que cualifican de “explotación e escravitude”.

Por iso, a central entregou hoxe na Inspección de Traballo un informe no que se detallan as perto de 70 mil horas extras abusivas realizadas nun ano.

Segundo critican desde a FCM, os abusos acontecen “ante a mirada impasíbel” do Ministerio de Fomento e da Xunta, “que unicamente se preocupan polos anuncios electoralistas dos prazos de remate das obras, mentres que FCC, Ferrovial e unha manchea de subcontratas de Galiza, Portugal e do Estado español están a facer o seu agosto a conta dos 326 obreiros”.

Cada operario traballa 12,5 horas ao día de media, chegando nalgúns casos a 21 horas diarias

En canto á xornada, a central sindical CIG fai público un informe, extracto doutro máis amplo presentado á Inspección, no que se conclúe que os operarios veñen desenvolvendo “unha media de 4,56 horas extras ilegais ao día, é dicir, 12 horas e media seguidas de traballo, mais tamén hai operarios que chegaron ás 21 horas, duplicando e case triplicando a xornada legal, sendo a excepción os que cumpriron algún día coas 8 horas fixadas no convenio”.

A CIG porase á disposición dos afectados para que poidan reclamar das súas empresas o case millón de euros "que lles adebedan" nunha “fraude” que aseguran comezou no ano 2007.

Sen váteres, espazos de descanso nin auga potábel, e “aseándose” con augas fecais

“Máis dunha decena de operarios traballaron todos os días durante febreiro e tamén en marzo: a alerta sanitaria do Covid-19 non fixo senón aumentar os abusos pois lonxe de reducirse os excesos disparáronse”, apuntan os sindicatos.

Os obreiros “non teñen auga potábel, aseos, vestiarios nin comedor en quilómetros, nin un vehículo para desprazarse aos que hai na entrada das obras, e antes de xantar só dispoñen de auga procedente dun rexistro de augas fecais para asearse”, láianse desde a CIG.

Por outra banda, revelan que dentro dos túneles “a iluminación é case nula e, malia que o ruído é enxordecedor, non se usa protección auditiva”. Ademais, “os trens pasan cada pouco tempo a toda velocidade e sen apenas decelerar, a escasas distancia dos operarios das vías

Todo iso desemboca “nun altísimo índice de siniestralidade”, sobre o que a CIG ten rexistrado “un mínimo de 21 sinistros”, que deixaron seis operarios mortos e perto dunha trintena de feridos, incluíndo varias amputacións.

A CIG esixirá responsabilidades a Ministerio, Xunta e empresas

“O máis grave desta situación –para a CIG- é que todo acontece nunha das maiores obras públicas de Galiza e mesmo do Estado, pagada cos cartos de todas nós, mais as autoridades galega e estatal (PP e PSOE) só semellan preocupados por adxudicárense o seguinte titular sobre a enésima promesa de chegada do AVE”.

E en canto ás empresas, teñen claro que alguén “se está beneficiando” con esta situación, e indican que “non” pararan até “dar cos responsábeis". 

O BNG únese ás queixas

O Bloque Nacionalista Galego esixe ao Goberno español que actúe ante a "vulneración" dos dereitos laborais nas obras do AVE. O parlamentario Néstor Rego considera "inadmisíbel" que na execución dunha obra pública os traballadores e traballadoras sexan "explotados vulnerando a legalidade". Polo tanto, a formación nacionalista "esixe" que as empresas concesionarias manteñan rexistros de horarios veraces e se fagan cargo da remuneración e cotización polas horas extraordinarias realizadas.

comentarios