Até 80% do persoal afectado

Captadores de Médicos sen Fronteiras, en loita ante a ameaza de novos despedimentos

Decenas de persoas concentráronse esta pasada cuarta feira en Vigo para denunciar a precariedade que vive o sector. No centro da protesta está a chamada “cláusula de produtividade”, os obxectivos mínimos que fixa a organización humanitaria, que os traballadores e traballadoras consideran abusivos.

(Imaxe: CCOO)
photo_camera (Imaxe: CCOO)

O persoal de captación de socios Médicos sen Fronteiras (MSF) na Galiza retoma a loita laboral ante as novas ameazas de despedimentos. No centro da protesta está a chamada “cláusula de produtividade”, os mínimos que esixe a organización. Uns resultados que, segundo veñen denunciando captadores e captadoras, son abusivos e non están xustificados baixo criterios obxectivos. Non acadalos conleva o despedimento disciplinario, sen indemnización. Após meses de conversas, as posibilidades de acordo parecen cada vez máis alonxadas. O caso está pendente de resolución por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, o que deixou en suspenso os despedimentos durante o último ano por esta cláusula. Mais o persoal advirte de que se aveciña unha nova rotación que podería afectar até 80% do cadro galego. Decenas de persoas concentráronse esta pasada cuarta feira en Vigo para denunciar a precariedade que vive o sector.

Unha media de 0,3 socios por hora, seis altas por semana, 24 por mes, cunha media de 120 euros anuais por socio. Un dos maiores ratios de todo o sector de captación no Estado. “Non podemos cumprir con algo que non é obxectivo nin cuantificable. Estamos deixando as captadoras cun nivel de estrés e frustración moi grande, case xeralizado, que logo se retroalimenta. É moi raro que alguén consiga acumular dous meses consecutivos chegando aos obxectivos. Se pasas tres meses sen acadalos, aínda que teñas unha media moi próxima á marcada, poden executar o despedimento”, explica Miguel Riaño, traballador de MSF e responsábel da sección sindical de CCOO.

“Estes obxectivos viñan fixados antes da crise. Non existe un estudo demógrafico, económico, por zonas. Non é o mesmo captar nunha cidade ou noutra, e pídennos o mesmo en Vigo, Compostela ou na Coruña, igual en todo o Estado, cando é lóxico que unha persoa en Barcelona, por exemplo, ten moitas máis posibilidades”, argumenta Riaño. Máis presión da organización cara ao captador, que se traduce en máis presión do captador cara á xente. “Ese estrés non mellora os resultados, todo o contrario. Unha bola que pasados os meses crece e crece, e aí seguimos a disposición da ONG en todo momento. Nós nunca deixamos de estar en período de proba”.

Chantaxe emocional e lóxicas empresariais

Os dados amosan, porén, un sector cunha presenza cada vez máis importante na estrutura das ONGs. No caso de MSF, segundo a memoria da organización sobre 2015, as cotas dos socios e socias representaron un volume de 70 millóns de euros. Os gastos de toda a estrutura roldan os 16 millóns. Destes ingresos, 95% chegou grazas a captadores e captadoras a pé de rúa. “Non existe un problema de ingresos no sector. Pero no momento en que teñen máis beneficios, queren abarcar máis”.

“Hai xente que deixou o traballo porque pensaba que estaba facendo perder cartos á ONG. Dan a entender cousas como que se non sacas os cartos, os nenos quedan sen vacinas"

Conta que os problemas de estrés, depresión e ansiedade son habituais entre os captadores e as captadoras, sometidos a unha sorte de chantaxe emocional. “Hai xente que deixou o traballo porque pensaba que estaba facendo perder cartos á ONG. Dan a entender cousas como que se non sacas os cartos, os nenos quedan sen vacinas. Non podes trasladarlles esa responsabilidade. No fondo, recoñecen que queren precarizar máis os captadores para que se poida facer máis traballo no terreo. Violan a lexislación vixente a nivel laboral para conseguir ese obxectivo. Pero non son cousas incompatíbeis. Entendemos que a maioría de ONGs fan un grande traballo en moitos aspectos, pero o de 'dereitos para os captadores ou a xente de terreo se queda sen recursos' este é un falso dilema”, denuncia Riaño.

Unha situación que consideran provocada polo dominio de lóxicas empresariais e comerciais a nivel de recursos humanos. “Están tan estandarizados que non se reflexiona sobre os seus resultados. Estamos seguras de que dando a volta a esta forma de funcionar, conseguiríamos mellores resultados. Equipos máis estábeis, reducir o volume de traballo, reducir gastos innecesarios de viaxes para os superiores....”, demanda o responsábel sindical. Como exemplo, apuntan que no ano 2015 pasaron unhas 250 persoas por MSF en Galiza, para un cadro de persoal que, de media, está entre as 30 e 40 persoas.

Represión sindical

Entre as despedidas encóntrase a totalidade da sección sindical da CNT, que denunciou represión sindical contra os seus afiliados. “Están premiando aquelas persoas non sindicadas, teñen un reforzo positivo, mentres que aquelas que reivindican os nosos dereitos son as primeiras en caer. Din que as protestas o único que fan é prexudicar a ONG”, asegura Riaño. Temen que esta advertencia da organización de novos despedimentos sirva outra vez para “desfacerse do persoal que consideran molesto”. 

“Están premiando a aquelas persoas non sindicadas, teñen un reforzo positivo, mentres que aquelas que reivindican os nosos dereitos son as primeiras en caer"

Entre outras demandas, está a falta de recoñecemento profesional, coa impresión estendida entre moitas persoas de que os captadores son voluntarios e non persoal asalariado. Para algúns traballadores, son as propias organizacións as interesadas en manter esta falsa impresión. “As ONGs non teñen interese en clarificar que somos traballadores  porque abren a porta a que as socias pensen que se destinan recursos a elementos comerciais, cando eles buscan que se destinen no campo humanitario. Que decisión toma MSF? Non falar do tema”. 

Constantes cambios de contrato para non acumular antigüidade laboral, a exposición na rúa a agresións físicas, verbais e sexuais sen protocolos de actuación, presións constantes dos cargos intermedios para chegar a obxectivos, horas extras non remuneradas e fóra do horario laboral para tentar acadar os obxectivos... unha precarización en aumento, sen indicios de avances no eido dos dereitos laborais nun sector en crecemento.

“É importante que a xente entenda que este é un punto o que non queríamos chegar. Non queríamos visibilizar negativamente a organización, pero no momento no que o diálogo é imposible con MSF, temos que defender os nosos intereses, porque a xente moza vivimos situacións dramáticas, ser honestas e traballar dentro do acordado e do pactado dentro dos contratos. Aquí non somos escravos de ninguén, e moito menos dunha ONG. Diálogo sempre, pero se non hai diálogo, seguiremos por outras vías reivindicando os nosos dereitos”.

Comentarios