VÍDEO

Bombeiros de Vigo 'devolven' a Medalla de Ouro da cidade a Caballero pola "nefasta xestión" do servizo

O mandato do alcalde socialista, din, "será lembrado como un período no que a seguridade e a eficacia do servizo foi comprometida dunha forma inadmisíbel e mesmo irreversíbel".
Acción simbólica de protesta dos bombeiros de Vigo, hoxe, na praza do Concello. (Foto: Europa Press)
photo_camera Acción simbólica de protesta dos bombeiros de Vigo, hoxe, na praza do Concello. (Foto: Europa Press)

Os bombeiros da cidade de Vigo protagonizaron esta sexta feira un acto simbólico de "devolución" da Medalla de Ouro da cidade, que lle foi outorgada a este servizo no ano 2009. Unha distinción da que agora, aseguran, non son "merecedores" debido á "nefasta xestión" do Goberno municipal de Abel Caballero, que levou ao "desmantelamento deste servizo esencial".

Un grupo destes funcionarios concentrouse fronte á casa consistorial portando unha gran medalla dourada coa imaxe do alcalde e cunha gran banda vermella co lema 'Vigo sen bombeiros', para denunciar unha vez máis a escaseza de persoal neste servizo. A situación, que se arrastra desde hai anos, advertiron, supón unha "seria ameaza" para a seguridade da cidadanía e dos propios bombeiros.

No acto, no que tamén houbo música de gaita a cargo dos propios bombeiros, un portavoz do colectivo trasladou a "desafección" do servizo co actual Goberno local e a "fonda preocupación" polo estado actual do mesmo. "Lamentabelmente, a xestión do alcalde nestes últimos anos está a levar a un progresivo desmantelamento dun servizo esencial e vital para a cidadanía".

"É imperativo tomar accións urxentes para reverter esta situación [...], a seguridade dos cidadáns e a integridade dos bombeiros non pode esperar máis", sinalaron, e explicaron que a devolución da Medalla de Ouro débese a que "grazas á nefasta xestión" de Caballero e o seu equipo, os bombeiros non senten "merecedores agora de tal distinción".

Se o Goberno local non adopta medidas inmediatas para paliar a falta de persoal, advertiron, o mandato de Caballero "será lembrado como un período no que a seguridade e a eficacia do servizo foi comprometida dunha forma inadmisíbel e mesmo irreversíbel". "Conseguiu que, en poucos anos, pasemos de ser un servizo de referencia e orgullo a estar practicamente desmantelado", denunciaron.

Precisamente esta sexta feira, o alcalde de Vigo referiuse ao servizo de bombeiros da cidade, pero non a esta protesta. Nun audio gravado e remitido aos medios, informou da aprobación do expediente de licitación —na Xunta de Goberno de hoxe— para comprar unha nova escaleira articulada, que permite subir até 64 metros de altura. "É a mellor tecnoloxía do mundo e témola en Vigo. Seguimos facendo investimentos para ter o mellor material de extinción de incendios de ningunha cidade de Europa", subliñou Abel Caballero.

Comentarios