VÍDEO NO INTERIOR

Bateeiros colapsan San Caetano en protesta contra as restricións á mexilla

Unha multitude arrodea a sede da Xunta e advirte: "A campaña da mexilla deste ano xa está totalmente perdida".
Nova protesta a conta das restricións para extraer mexilla. (Foto: Europa Press)
photo_camera Nova protesta a conta das restricións para extraer mexilla. (Foto: Europa Press)

Máis dun centenar de bateeiros concentráronse na mañá desta quinta feira arrodeando as oficinas centrais da Xunta da Galiza en San Caetano (Santiago de Compostela), coincidindo coa reunión semanal do Goberno galego, para protestar contra a delimitación das zonas para recoller a mexilla impostas pola Consellaría do Mar. Coches e furgonetas, algúns deles con barcos e lanchas nos remolques, colapsaron de novo, como xa fixeran a comezos de mes, as estradas da capital galega, ao estacionar os vehículos na rotonda de San Caetano.

A Policía Local tivo que levar a cabo cortes na estrada que afectaron a circulación na zona norte da cidade, con desvíos en Vite e As Cancelas. O tráfico cortouse na subida de San Roque a San Caetano e varios autobuses quedaron parados ao non poder circular.

Entre berros de "queremos traballar" e "conselleira dimisión" e acompañados polo ruído de bengalas de fume e chifres, unha importante representación do sector dos bateeiros situouse na porta principal do complexo de San Caetano para exixir que se garanta o acceso á mexilla.

Os traballadores deste sector revindican poder recuperar a xestión da cría do mexillón e piden que se reverta o artigo 13 do decreto 153/2019, que impuxo limitacións nalgunhas zonas. Para compensar esta medida, a comezos de febreiro a Xunta decidiu abrir perto de 120 quilómetros de porto para a recolección deste produto.

"A campaña está totalmente perdida"

Un dos bateeiros afectados, Nicolas Oubiña, procedente da Illa de Arousa, explicou en declaracións á axencia Europa Press que o sector precisa a adopción de medidas "cando antes", pois a campaña do pasado ano "xa estivo prexudicada" e a deste 2023 "está totalmente perdida".

Nesta liña, incidiu na necesidade de "que abran as zonas e poder aclarar esta situación cedo", porque, "se non ocorre, na campaña do ano que vén perderase entre 40 e 50% da produción", alertou. Oubiña lamentou tamén que "van dando zonas obsoletas para a extracción onde non hai cría nin acceso posíbel".

Os bateeiros manterán as protestas porque "os mellores sitios da costa e onde mellor mexilla hai son os que están fechados" á súa extracción, cuestionan, criticando a repartición decretada pola Xunta.

Comentarios