Percebeiros, ante a apertura de zonas para a extracción de mexilla: “É unha baixada de pantalóns”

Produtores de mexillón atopan cría “aparentemente de calidade” nas novas rochas autorizadas.
Unha percebeira traballa nas rochas do Cabo Touriñán, en Muxía (comarca de Fisterra). (Foto: Santiago Pérez)
photo_camera Unha percebeira traballa nas rochas do Cabo Touriñán, en Muxía (Foto: Santiago Pérez).

As confrarías de Pescadores con sector de percebe nas rías Baixas mostraron esta segunda feira a súa "indignación" despois de que a Consellaría do Mar autorizase a apertura de novas zonas para a extracción de mexilla. "É unha baixada pantalóns", sinalan.

Os percebeiros consideran que se trata “dunha chapuza política" na que a Consellaría "primou o poderío económico por riba do colectivo máis débil e formado na súa modalidade de a pé maioritariamente por mulleres".

"Todas as decisións adoptadas pola Consellaría do Mar van en contra do sector minoritario e co único obxectivo de calcular o montante de votos que suporía para os futuros procesos electorais", reprochan.

Así, aseguran que a apertura de áreas para a extracción de mexilla "nas zonas máis ricas de percebe, que foran declaradas pola propia Consellaría como exclusivas para a extracción do crustáceo", "non merecen respecto algún nin máis colaboración por parte das confrarías de percebe".

Neste contexto, definen a postura do departamento de Mar como "unha baixada de pantalóns": "Desvestindo ao santo máis pequeno para poder vestir ao poderoso".

Así mesmo, após reunirse este segunda feira, as confrarías das rías Baixas acordaron solicitar con carácter de urxencia unha reunión das confrarías de percebe na Federación Galega, co obxectivo de abordar este "atropelo" da Xunta da Galiza e de acordar "medidas contundentes".

Do mesmo xeito, nunha nota de prensa, os percebeiros denuncian "falta de actuación" do Servizo de Gardacostas que, segundo apuntan, "sendo testemuñas do incumprimento manifesto dos bateeiros accedendo a zonas vedadas para a extracción de mexilla, non levantaron ningunha acta aos presuntos infractores".

Para eles, este feito dá a entender "até onde podería chegar o suposto complot desta xente".

Os produtores de mexillón, satisfeitos

Mentres, as principais organizacións de produtores de mexillón de Galicia (Opmega, Amegrove e Socomgal) aseguran que nas novas zonas ás que acudiron a traballar esta segunda feira "con normalidade" os seus asociados atoparon mexilla "aparentemente de calidade".

Nesta mesma liña, celebran que as novas aperturas, localizadas na Guarda (Baixo Miño), O Grove (O Salnés), A Coruña, Corme (Ponteceso, Bergantiños), Laxe (Bergantiños), Sada (A Coruña), Caión (Bergantiños) e Mera (Oleiros, A Coruña), coinciden coas zonas solicitadas polo propio sector tras realizar unha inspección previa. Desta forma, sinalan, "multiplícanse as localizacións autorizadas para a recollida de semente que garanta a actividade nas bateas".

Con todo, estas asociacións afirman que son conscientes de que deben seguir traballando coa Xunta para "seguir sumando espazos de recollida", para que, deste xeito, "a actividade volva á normalidade e que se volva a falar do mexillón de Galiza en positivo".

Comentarios