Cando e como podo pedir a baixa por menstruación dolorosa?

Esta quinta feira entra en vigor a nova norma.
Traballadora (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera #oficina #muller #traballo #traballadora #teclado #ordenador (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

As mulleres con menstruación incapacitante terán dereito a baixa laboral temporal a partir desta quinta feira, 1 de xuño, momento no que entra en vigor a nova Lei de saúde sexual e reprodutiva. Da mesma forma, e tamén ao abeiro desta norma, recoñécese desde hoxe o dereito a baixa por interrupción voluntaria do embarazo, así como a baixa a partir do primeiro día da semana trixésimo novena de xestación.

Estes dereitos relativos á saúde menstrual das mulleres foron incluídos no marco da Lei Orgánica 1/2023, do 28 de febreiro, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, na que se modifica a Lei xeral da Seguridade Social para recoñecer como situacións especiais de incapacidade temporal por continxencias comúns aquelas baixas laborais en caso de menstruación incapacitante secundaria, así como a situación posterior á interrupción do embarazo e o embarazo desde o día primeiro da semana trixésima novena.

A norma non estabelece requisitos para solicitar as baixas, malia que será necesaria a constatación da situación por parte do médico de cabeceira, como xa acontece con calquera enfermidade común.

Tampouco especifica a norma a contía de prestación económica, aínda que actualmente as baixas por continxencias comúns implican 60% das base reguladora desde o cuarto día ao vixésimo, incluído, e 75% desde o día 21 en adiante.

No caso das menstruacións incapacitantes e interrupción do embarazo, o subsidio abonarase mentres a beneficiaria estea en situación de incapacidade temporal. A norma, aliás, non estabelece un número de días concreto.

A baixa, tamén nas aulas

Por outra parte, a Estratexia de Mocidade 2022-2030, aprobada o pasado mes polo Goberno estatal en Consello de Ministras, inclúe entre outras medidas que se respecte a ausencia ás aulas das alumnas por menstruación dolorosa, en liña coas baixas laborais por saúde menstrual que se incluíron na reforma da Lei do aborto.

O documento especifica que a dismenorrea —menstruación difícil e dolorosa— constitúe "un factor estrutural de discriminación por canto, en diferentes medidas, incapacita as mulleres que a sofren para afrontar distintas situacións nas súas vidas, desde o traballo diario a problemas sobrevidos, debido aos graves efectos físicos que conleva".

Comentarios