As axudas ás traballadoras autónomas fracasan na Galiza, con só 23% solicitado

A rixidez dos requisitos para acceder ás axudas para autónomas do Goberno español fan que moitas persoas renuncien a solicitalas.
A hostalaría é un dos sectores máis afectados pola lentitude da Xunta en aprobar axudas directas para traballadores autónomos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera A hostalaría é un dos sectores máis afectados pola lentitude da Xunta en aprobar axudas para autónomos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O pasado mes de marzo, o Goberno español anunciaba a posta en marcha dun fondo dotado con 7.000 millóns de euros para axudar ás traballadoras e traballadores autónomos a mitigar os efectos da pandemia da Covid nos seus custos financeiros. Á Galiza correspondéronlle 234,4 millóns de euros, pero até xullo só se solicitaran axudas por valor de 23% do importe global.

Para as asociacións de autónomas esta porcentaxe, que a nivel estatal non chega nin a 40%, representa un "fracaso" no deseño das axudas. Así o cre o presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) da Galiza, Rafael Granados, quen recoñece a Nós Diario que o principal problema é a "inflexibilidade que ten o Real Decreto 5/2021 á hora de solicitar e ser beneficiario destas axudas directas".

Segundo explica, "a maior parte das traballadoras e traballadores autónomos non poden cumprir estes requisitos, polo que moitas destas axudas, se non se flexibiliza o decreto, van ter que ser devoltas", advirte o responsábel de ATA Galiza.   

Pese á que a Xunta, dentro das súas competencias, ampliou o prazo de solicitude até 30 de setembro, "o prazo non é xa o problema, senón os requisitos", incide Granados. "E aínda que a Xunta intentara flexibilizalos, a redacción do decreto faría imposíbel aplicar esas modificacións", engade.  

Segundo estabeleceu o Goberno español, as axudas terán que ir destinadas a saldar débedas vivas con provedores de 2020 e até maio de 2021. Quedan fóra as autónomas con perdas no exercicio 2019 ou con débedas coa Axencia Tributaria ou a Seguridade Social. A cuestión, apunta Granados, é que as autónomas galegas, "nun exercicio de responsabilidade, tiraron dos seus aforros para evitar as débedas", polo que agora non teñen xustificación en moitos dos casos para solicitalas. 

A hostalaría e o turismo, con menos peso na Galiza que noutros territorios, terían máis facilidade para encaixar no perfil.

Un novo plan máis flexíbel cos fondos sobrantes 

Pola súa banda, o presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad, apuntou que no seu día xa avisara de que o deseño desta axuda non podería chegar á inmensa maioría das traballadoras e traballadores por conta propia que sufriron perdas de facturación.

"Castigouse gran parte do colectivo que sufragou con recursos propios o pagamento aos seus provedores, descapitalizándose totalmente e esgotando en moitos casos até o seu último céntimo para abordar a situación económica", afirmou.

Neste senso, indicou que o seu sindicato presentará ao Executivo estatal un novo plan de axudas directas para autónomos con perdas de facturación de polo menos o 50%, entre os anos 2019 e 2021. "É de xustiza. O noso colectivo necesita unha inxección económica ou miles de actividades desaparecerán dos nosos pobos e cidades", advertiu.

Ese segundo plan ao que fai referencia, podería estar financiado cos fondos sobrantes da actual liña de axudas, que non dubidou en cualificar de "auténtico fracaso" dado a escasa porcentaxe de execución rexistrada.

Comentarios