Pemes e autónomos levan un mes agardando polo reparto das axudas

O Consello da Xunta aproba a repartición dos 234 millóns de euros que o Goberno español asegura que transferiu á Galiza hai xa un mes para axudas directas a pemes e autónomos.
O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, na reunión do Consello do Goberno galego en San Caetano (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, na reunión do Consello do Goberno galego en San Caetano. (Foto: Arxina)

O Consello da Xunta deu luz verde á repartición dos 234 millóns de euros que o Estado transferiu á Galiza para a posta en marcha de axudas directas a pemes e autónomos co obxectivo de paliar os efectos da pandemia. 

Con todo, a orde de axudas non sairá publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) até a semana que vén, é dicir, practicamente un mes despois de que a Xunta recibira os fondos por parte do Estado. De facto, fontes socialistas confirmaron a este xornal que foi o pasado 13 de maio cando a vicepresidenta e ministra de Economía do Goberno español, Nadia Calviño, informou o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, de que o Estado viña de efectuar a transferencia á Xunta deses 234 millóns.

En canto á distribución das axudas, o presidente Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, criticou esta cuarta feira, 2 de xuño, en comparecencia ao remate do Consello da Xunta, que pese á Galiza ter 5,7% da poboación do Estado e 7% de autónomos, só recibiu 3,3% dos fondos estatais destinados a axudas a profesionais por conta propia (é dicir, 234 millóns dos 7.000 millóns repartidos entre todas as comunidades).

Aliás, o mandatario avanzou que a Xunta anticipará 100% das axudas e despois pedirá as comprobacións. Por outra banda, lamentou que os requisitos estabelecidos polo Goberno español limiten estas axudas a "aquelas entidades que teñan pagos pendentes" con provedores e acredores. Así, criticou que non as poidan solicitar persoas que fixeron fronte a pagos sobrevidos pola crise cos seus aforros. 

A orde autorizada esta cuarta feira pola Xunta divide o orzamento destas axudas en tres programas: unha única axuda de 3.000 euros a profesionais que tributen por módulos.

Un segundo programa para autónomos individuais ou con até 10 traballadores e empresas de até 25 traballadores, cun volume de facturación menor de 2 millóns. Para eles o importe da axuda irá dos 6.000 aos 11.000 euros.

O terceiro programa incluirá autónomos e empresas con máis de 10 traballadores e cun volume de facturación superior a dous millóns de euros, así como empresas de máis de 25 traballadores, cuns apoios que irán dos 10.000 aos 30.000 euros. O prazo para pedir as axudas é dun mes desde a publicación no DOG e concederanse por "rigorosa orde" de presentación. 

Familias numerosas

O titular da Xunta tamén anunciou unha partida de 62 millóns para activar un plan para familias numerosas con 48 medidas, que inclúe bonificacións fiscais, exencións de pagos e descontos. Porén, neste plan non estarán aínda incluídas aquelas familias con dous fillos, unha promesa que Feixoo fixo na campaña electoral coa que revalidou a súa cuarta maioría absoluta hai agora case un ano.

Máis polo miúdo, explicou que o plan se estrutura en cinco áreas. A primeira inclúe a redución ou exención -no caso de familias numerosas de categoría especial- do pago das matrículas universitarias e outros estudos, así como descontos nas entradas eventos culturais ou axudas para o servizo de comedores escolares para o alumnado en ensinanza básica obrigatoria.

En vivenda, as familias numerosas contarán con bonificación de 50% no canon da auga e vertedura; con axudas para facer fronte á factura eléctrica, e con descontos de 20 ou 50% nas viaxes en transporte público da Xunta para familias numerosas de categoría xeral e especial, respectivamente, ademais de deducións en impostos como o IRPF.

En conciliación contémplanse medidas para a redución de xornada, que poden ser de até 3.700 euros para compensar a renuncia á metade da xornada laboral; a Tarxeta Benvida, que para as familias numerosas duplica a súa contía -2.400 euros que poden estenderse até os tres anos, e chegar até 3.000 euros para fogares do rural-; ou a gratuidade das escolas infantís para a segunda crianza e seguintes.

Feixoo non estará na manifestación de Colón

O titular da Xunta afirmou que existen "razóns poderosas" para que calquera cidadán acuda o próximo 13 de xuño á madrileña Praza de Colón, á manifestación convocada por Unión78 contra os indultos ás presas e aos presos do procés. Porén, anunciou que el non poderá asistir por mor da súa axenda como presidente da Xunta. Con todo, hai dous anos adiantou o seu regreso dos EUA para poder estar na manifestación, no mesmo lugar, que tamén desfilou pola unidade de España.

Comentarios