A autoridade laboral non rexistra o texto do convenio de Stellantis Vigo

A CUT denunciou que "partes do texto do mesmo contraveñen a legalidade vixente".
Cadea de montaxe da factoría de Stellantis en Vigo, onde 
se ten recortado a produción nos últimos tempos (Foto: Europa Press).
photo_camera Cadea de montaxe da factoría de Stellantis en Vigo (Foto: Europa Press).

A área de relacións laborais da Consellaría de Emprego, autoridade laboral na Galiza, vén de notificar á comisión negociadora do convenio colectivo en Stellantis Vigo, que non rexistra o convenio enviado, “dado que partes do texto do mesmo contraveñen a legalidade vixente”, segundo informa a CUT nun comunicado.

Esta solicitude de modificación do texto, responde a un expediente contrario que remitiu a sección sindical da CUT Citroën, denunciando algúns destes extremos. Entre outras modificacións que solicita, as máis salientábeis son as que afectan o  artigo 13 (xornada laboral) e o código de conducta laboral.

No que respecta ao artigo 13,o sindicato explica que o texto do convenio fai referencia a que se pode ampliar a xornada, con horas complementarias, avisando no propio día. “A autoridade laboral di, que un aviso no propio día, non se pode considerar como aviso previo propiamente dito e que polo tanto, non permite unha conciliación da vida laboral e familiar adecuada”.

Dende a CUT, lembran que levan “xa moito tempo denunciando que os avisos previos na Citroën incumpren a legalidade, agora parece que a autoridade laboral tamén pensa o mesmo".

Precisamente, engaden, no Consello de Ministro desta terza feira, o Ministerio de Traballo e Economía Social, aprobou un anteproxecto de lei, para adaptar a lexislación a Directiva (UE) 2019/1152, relativa a unhas condicións de traballo transparentes e previsíbeis.

“Neste anteproxecto de lei, estabelécese un aviso previo mínimo de 3 días, para a realización das horas complementarias (xa está regulado así no ET na actualidade). Tamén estabelece que este aviso previo non pode ser rebaixado por convenio colectivo”.

O segundo punto salientábel que ten que modificarse, di a CUT, é o Código de Conducta Laboral, “unha poderosa ferramenta represiva que a maioría social regala á empresa”.

“Neste caso e como xa temos denunciado en varias ocasións tamén, non se estabelecen os prazos de prescrición das sancións, o que como sabemos en carne propia, permite á empresa utilizar feitos acontecidos incluso anos atrás, para aumentar a gravidade das sancións impostas. Neste caso a petición da autoridade, é que se estabelezan ditos prazos no texto do código de conducta e que se estableza a gradación das faltas e sancións que lle corresponden.”

Outro dos puntos que pide modificar é o relativo á xubilación, o texto que se definiu durante a negociación do convenio, foi para “salvar os móbeis”, este artigo se pretendía retirar do convenio, xa que a empresa non pensa en xubilación mediante contrato relevo, a súa idea á hora de dar saídas,” é facelo a través dun ERE, como o demostra co recentemente asinado”.

Comentarios