As horas roubadas: cando traballar de máis e gratis na Galiza é habitual

Na Galiza, un de cada catro traballadores que prolonga habitualmente a xornada laboral faino por ser “condición necesaria para manter o traballo”.

grúas construción obras traballo
photo_camera Imaxe dunhas obras (Foto: Gx)

De cada 100 traballadores e traballadoras que na Galiza prolongan habitualmente a xornada laboral, 27 fano por ser unha “condición necesaria para manter o posto de traballo”. Para non ser despedido ou cesados. Son dados do IGE de 2017 e que deitan luz sobre unha realidade, as horas extra, que se estende por todos os sectores.

Deses 100 asalariados e asalariadas, 58 afirman que se fan máis horas habitualmente do que marca a xornada laboral é porque senón non dan feitoo traballo asignado. É dicir, que as tarefas ou encomendas a facer non se dan realizado na xornada laboral ordinaria. E 15 deses 100 traballadores e traballadoras que prolongan a xornada atribúen directamente ese ter que facer horas de máis á “falla de persoal”.

En base a estes dados do Instituto galego de estatística (IGE) na Galiza a maioría dos 100 traballadores e traballadoras asalariadas non fan horas extra: 60%. Hai un 40% que afirman que si as fan, que se dividen entre un 16% que di que sempre que prolongan habitualmente a xornada se lle compensa con horas ou cartos (6,3%) e un 9,4% que afirma que esa compensación dase “ás veces”.

Un 22% do total de traballadores na Galiza di que ten que prolongar a súa xornada laboral habitualmente e que o teñen que facer sen compensación. O que é ilegal.

As horas extras non remuneradas na Galiza equivalen á creación de 5.400 novos empregos, segundo un de CCOO-Galiza sobre a precariedade presentado en 2019.

Un outro informe deste mesmo sindicato cifraba en 330.000 horas extras semanais as que se fan na Galiza semanalmente, das que 55% non se pagan: 181.300. A porcentaxe de horas extraordinarias non pagas sobre o total das horas extraordinarias é máis alta nas mulleres ca nos homes:  56 % e 54 %, respectivamente.

Por sectores, o sector denominado ‘resto de servizos’ é o que peor escenario presenta: 100% das horas extras non se remuneran. Algo que acontece con 77% das horas de máis que se fan no sector de transportes e almacenamento, 75% de actividades de información, financeiras e inmobiliarias; ou con 66% na construción.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios