Máis da metade das horas extras que se fan en Galiza non se remuneran

Semanalmente fanse no noso país por volta de 330.000 horas extraordinarias, das que máis de 181.000 non se compensan. Unha práctica coa que se impide crear emprego e coa que se defrauda ás arcas públicas.

“As horas extraordinarias traballadas e non pagadas son explotación laboral, contribúen á desvalorización salarial e prexudican a conciliación da vida laboral coa persoal e familiar”. Así de rotundo se manifesta o informe ‘Emprego precario, vida precaria’, elaborado por CCOO Galiza e no que se realiza unha radiografía da precariedade do emprego no noso país.

Un dos apartados do documento, elaborado pola economista Silvia Parga, trata das horas extraordinarias. Na semana de referencia do segundo semestre de 2017 para este estudo fixéranse en Galiza 330.000 horas extras. Cinco anos antes (en 2012), a media era de 314.000 horas extras semanais. Vemos como houbo un aumento: fanse agora 15.000 horas extras máis á semana, o que implicaría que no ano ((52 semanas), serían 780.000 máis.

Desas 330.000 horas extras semanais que se fan en Galiza semanalmente, 55% non se pagan, segundo o estudo de Comisións Obreiras: 181.300.  Do total de horas extraordinarias traballadas no segundo trimestre de 2017, 223.500 fixéronas homes (68 % do total) e 106.800, mulleres. A porcentaxe de horas extraordinarias non pagas sobre o total das horas extraordinarias é máis alta nas mulleres ca nos homes:  56 % e 54 %, respectivamente.

Sectores

 

Por sectores, o sector denominado ‘resto de servizos’ é o que peor escenario presenta: 100% das horas extras non se remuneran. Algo que acontece con 77% das horas de máis que se fan no sector de transportes e armacenamento, 75% de actividades de información, financeiras e inmobiliarias; ou con 66% na construción.

Temporalidade

O documento non se centra só nesta cuestións, senón que se mergulla en eidos como a precariedade nos convenios, a cobertura ou a temporalidade. No que atinxe a este último aspecto, indícase que a taxa de temporalidade aumentou quer no sector privado quer no público. No privado subiu 4,5 puntos, até se situar en 28 %; no público, 6,4 puntos, a se colocar en 24,2 %. O colectivo máis castigado pola alta temporalidade é a mocidade: a taxa de temporalidade nas persoas de 25 a 29 anos está en 59,4 %, disparándose até 75,1 % nas menores de 25.

Comentarios