Máis de 170.000 galegos fan habitualmente horas extras sen recibir compensación a cambio

Apenas 16% dos que prolongan a xornada laboral son retribuídos por ese tempo.

Cadena-de-montaxe

Máis de 294.000 persoas realizan habitualmente en Galiza horas extras, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Son por volta de 38% das persoas ocupadas no noso país. Desas 294.000 persoas que prolongan habitualmente a súa xornada laboral, apenas 16% delas reciben retribución a cambio. É dicir que se lles pagan esas horas extra ou ben se lles retribúen con libranzas outro día ou outros tipos de compensacións.

A porcentaxe de persoas que non reciben ningunha retribución por esas horas de máis é do 59% das que as teñen que facer habitualmente. Isto é, 170.000. Un 25% afirma que ocasionalmente si que se lles compensan esas horas extras.

No 2015 realizáronse no estado español un total de 327 millóns de horas extras. Unha media de 6,3 millóns á semana. Desa cantidade semanal, a maior parte (por volta de 3,5 millón) non se retribúen. Nun con cartos nin con tempo de descanso. Algo que se fai só en 2,8 millóns de cada 6,3 millóns de horas de exceso de xornada que se realizan á semana. 56% das horas extras que se fan no estado español non se pagan. Ou sexa, perto de 183.120.000 horas anuais sen retribuír.

Ese 56% de exceso de xornada que non se paga supón un aumento considerábel a respecto do que a propia enquisa e estudos marcaban no 2008. Daquela, esa falta de retribución afectaba ao 32% das horas extras realizadas. Coa crise, e así se recolle nun estudo elaborado por Comisións Obreiras a nivel estatal, deuse unha redución nas horas extras. Mais non en todas as horas. Reducíronse as pagas mentres que as non retribuídas non varían. Así, de 2008 a 2015, “con dous millóns menos de traballadores continúan a se realizar un volume similar de horas extras non pagas, ao tempo que as compensadas reducíronse á metade”.

Un documento sobre esta cuestión, elaborado polo PSOE no 2014, situaba Madrid e Galiza mo os dous territorios do estado español con maior porcentaxe de horas extras ilegais: 14,6 e 13,6% respectivamente. Unha porcentaxe sensibelmente superior á de Catalunya, Euskadi ou Nafarroa, que andaban polo 4%.

Comentarios