venres 22/01/21

Alcoa di que "exploraría de novo" a venda de San Cibrao se finaliza a folga do persoal

A multinacional, á que o TSXG obrigou a suprimir o Expediente de Regulación de Emprego (auto que está recorrido), convoca unha reunión a quinta feira e promete o diálogo se hai unha operación de venda "en termos comerciais razoables"
Imaxe das protestas na Mariña. (Foto: Comité de Empresa)
Imaxe das protestas na Mariña. (Foto: Comité de Empresa)

Despois de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) tombara o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que presentara para todo o cadro de persoal da factoría de San Cibrao e de recorrer esa sentenza ante o Tribunal Supremo, Alcoa abre agora a porta a "explorar de novo" a venda da planta se as e os traballadores poñen fin á folga indefinida que decorreu nos últimos meses.

A compañía vén de convocar á representación do persoal da fábrica a unha reunión telemática na quinta feira na que pretende falar desa posibilidade de estudar outra vez o traspaso do complexo a outra firma. Porén, fía esa negociación a que se lle ofreza un acordo "en termos comerciais razoables" desde o seu punto de vista. Así volve demostrar que os ofrecementos que existiron non lle pareceron correctos.

Insiste en que "está disposta a explorar de novo a venda á SEPI, tal e como o Goberno e os representantes dos traballadores viñan demandando, na medida en que a folga se dea por terminada e o proceso poida decorrer nun ambiente de normalidade e paz social".

Esta intención amósase nun comunicado remitido polo presidente da empresa en España, Álvaro Dorado, ás operarias e operarios. Neste texto afirma que a meta é "atopar unha solución" para o futuro da fábrica de aluminio primario.

O representante defende que Alcoa "como sempre" está dispoñíbel para dialogar e ten o "compromiso de asegurar o mellor resultado posíbel para os seus traballadores. No entanto, iso vai dependen de que as cantidades das que se fale sexan "razoables" desde o punto de vista da multinacional, cousa que deixa moi limitada a operación dados os antecedentes.

En calquera caso, Dorado non comunicou ningunha intención de retirar o recurso contra o auto do TSXG, que entre outras cousas declarou o despedimento nulo e declinou dar permiso para paralizar as cubas porque o reinicio da actividade despois sería case imposíbel.

Mentres tanto, en medio do conflito con Alu Ibérica, as e os empregados da antiga fábrica de Alcoa na Coruña continúan coa súa folga polos despedimentos e exixen a intervención. Aliás, culpan á multinacional de pactar unha operación irregular. De feito, a Audiencia Nacional encargou unha investigación sobre o acontecido cos complexos da Coruña e Avilés.

comentarios