Alcoa recorre ao Supremo a sentenza que tombou o ERE en San Cibrao

A multinacional non está conforme co auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que lle impide despedir a máis de 500 persoas na Mariña. Aliás, culpabiliza ao cadro de persoal de empeorar a crise económica interna coa súa folga.
O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado. (Foto: Cabalar / Pool / Europa Press)
photo_camera O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado. (Foto: Cabalar / Pool / Europa Press)

A dirección da empresa en España iniciou hoxe o procedemento para recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que tombou o ERE da factoría de San Cibrao ao Supremo. O propio día en que se saba a coñecer a decisión da Xustiza no país, fontes da multinacional advertían de que estudarían o auto pero insistían na “reestruturación” da planta da Mariña.

A empresa non vai acatar a anulación do despedimento colectivo de máis de 500 traballadoras e traballadores da planta de tratamento de aluminio de Cervo (ou non o vai facer polas boas) e intentará que o Tribunal Supremo permita liquidar a fábrica.

Desde a compañía agardan que o Supremo considere que actuou “de boa fe”, após que o auto galego indicara o contrario e a acusase de certa programación e estratexia mesmo nas negociacións do Expediente de Regulación de Emprego (ERE).

“Levámolo a cabo de maneira xusta e conforme cos requisitos legais”, afirmaron, se ben os sindicatos e outras institucións xa pedían no momento de coñecerse a sentenza a intervención pública da factoría para evitar este tipo de recursos por parte de Alcoa.

No comunicado a factoría defende que chegou a decidir o fechamento na Mariña “após un largo período de consultas sobre os importantes e permanentes problemas estruturais que fan que a planta de aluminio de San Cibrao non sexa competitiva”.

Neste sentido, aludiron a que malia a aprobación do estatuto das electrointensivas “o marco enerxético” do Estado español “está lonxe de proporcionar un prezo competitivo para as industrias electrointensivas”.

Ademais, as mesmas fontes culparon ao cadro de persoal de agravar “a mala situación financeira” pola súa folga que “dura xa preto de tres meses”.

Esta reacción xurde tan só un día despois de que a Audiencia Nacional admitira a trámite unha querela pola suposta venda irregular das plantas que Alcoa tiña na Coruña e Avilés. Neste caso pediuse unha investigación polo miúdo.

Comentarios