Os Gobernos galego e español seguen sen comprometerse a intervir Alcoa

Alcoa non ten vontade de continuar coa actividade na fábrica de San Cibrao
Traballadores de Alcoa celebran a anulación xudicial do ERE. (Foto: Europa Press)
photo_camera Traballadores de Alcoa celebran a anulación xudicial do ERE. (Foto: Europa Press)

A xuntanza da Mesa multilateral de Alcoa, un organismo formado pola Administración galega e española, pola dirección da multinacional e pola representación social do complexo alumineiro de San Cibrao, en Cervo, volveu pór de manifesto as diverxencias entre as partes en conflito e volveu constatar a falla de vontade da compañía estadounidense en retomar a produción de aluminio, así como en manter e recuperar os empregos. Aínda así, desde o comité de empresa volveron requirir á compañía que “recapacite”, “busque unha saída polo ben da Mariña, dos accionistas e dos traballadores” e aposte en traballar por unha solución negociada.

Nun comunicado de prensa enviado aos medios após a reunión de hoxe á tarde, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explica que “non podemos comprender que a empresa non atenda ningunha das formulacións feitas pola representación social para sentar a negociar” e demanda que “os Gobernos asuman que é inevitábel e inaprazábel tomar decisións políticas que a estas alturas xa deberían estar tomadas”. Nesta liña, Carril reclama a intervención pública da fábrica como "única garantía real para a continuidade industrial, mediante unha solución amigábel coa contribución de Alcoa para unha venda ou, no caso contrario, os Gobernos teñen que forzar coas súas decisións esa garantía".

A convocatoria da Mesa multilateral de Alcoa decorrida é a resposta do Goberno do Estado á decisión da multinacional de recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que declara nulo o procedemento do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola compañía, que pretende o despido de máis de 500 traballadores e traballadoras da súa factoría de aluminio de San Cibrao, en Cervo. Malia que o TSXG considera que “o fin único e primordial de Alcoa era apagar as cubas e fechar do xeito máis rendíbel posíbel”, a corporación estadounidense na súa acción xudicial diante do Tribunal Supremo afirma “actuar de boa fe” e que o ERE “levámolo a cabo de maneira xusta e conforme cos requisitos legais”. 

Alcoa insiste no seu recurso en que adopta a decisión de fechamento da fábrica “após un largo período de consultas sobre os importantes e permanentes problemas estruturais que fan que a planta de aluminio de San Cibrao non sexa competitiva”. Ao tempo, nun comunicado público onde dá a coñecer a súa disposición de continuar o litixio legal, cuestiona a eficacia do novo réxime aprobado polo Executivo español para as empresas electrointensivas xa que, na súa opinión, “o marco enerxético está lonxe de proporcionar un prezo competitivo para as industrias”. Porén, a oferta de compra formulada polo grupo británico Lyberty desmonta estes argumentos e evidencia a viabilidade do centro de traballo da Mariña.

A situación da planta de San Cibrao non é a única fronte xudicial aberta de Alcoa. A xuíza da Audiencia Nacional María Tardón vén de admitir a trámite unha querela contra a multinacional pola venda das súas antigas factorías de Avilés e da Coruña. Así na denuncia, destácase que Alcoa ten enganado os representantes dos traballadores no marco da negociación colectiva da relación laboral, comezada o 17 de outubro de 2018 “eludindo a forma de abono das súas responsabilidades empresariais cos traballadores, abocando á insolvencia as unidades produtivas, para a súa transmisión lucrativa a terceiros”.

É a hora da política

A última reunión da mesa multilateral de Alcoa decorrida na tarde de hoxe volveu certificar que a folla de ruta da Dirección da multinacional para a súa factoría de San Cibrao, en Cervo, pasa polo cese da actividade na planta de aluminio co obxectivo de seguir intervindo no mercado europeo desde outros centros de produción, particularmente desde a súa fábrica de Arabia Saudita.

Neste sentido, explícanse os movementos da dirección da compañía no último ano e a súa tentativa de paralizar as cubas de electrólise, manobra denunciada no auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. Neste contexto, os representantes dos traballadores e das traballadoras exixen ás Administracións públicas un compromiso a prol da intervención da fábrica.

Comentarios