Persoal de centros dependentes de Política Social reclaman ante a Xunta “mellores condicións de traballo”

A tipoloxía dos usuarios e das usuarias nos centros de atención directa cambiou sen que o cadro de persoal recibise formación ou se adaptasen as instalacións

Concentración esta cuarta feira ante os edificios de San Caetano, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración esta cuarta feira ante os edificios de San Caetano, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Traballadores e traballadoras dos centros de atención directa dependentes da Consellaría de Política Social manifestáronse esta cuarta feira ante o edificio de San Caetano, en Santiago de Compostela, para reclamar "formación, mellores condicións laborais e medios materiais e humanos".

Segundo informou o persoal participante da convocatoria, entenden que "só así se pode afrontar a problemática derivada do ingreso, xunto a persoas anciás, de usuarios con outras patoloxías", como doenzas psiquiátricas ou alcoholismo.

O presidente do comité intercentros e representante da CIG, Manuel Gallardo Canitrot, lembrou que, o pasado 15 de maio, a representación de persoal mantivo unha reunión co director xeral de Función Pública e coa Secretaría Xeral de Política Social para tratar a "problemática" nos centros de atención continuada da consellería e que a súa promesa foi que en 15-20 días serían convocados a unha nova xuntanza. "Estamos ao 28 de xuño e non temos visos de que nos convoquen", denunciou.

De aí o inicio das mobilizacións, primeiro con caravanas de coches na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, o pasado 20 de xuño, e esta cuarta feira levou a cabo unha concentración ante a Xunta para levar ás portas da Consellaría as súas demandas e esixir solucións.

Gallardo Canitrot lembrou que a tipoloxía dos usuarios e das usuarias nos centros de atención directa, sobre todo, en residencias de maiores, cambiou e agora están a ingresar pacientes con tipoloxías psiquiátricas ou problemas de alcoholismo, entre outros, o que está a provocar "unha gran problemática de convivencia".

Convivencias

Ademais, apuntou que se están xuntando persoas de 45-55 anos con outras de 85-90 anos. "Esta convivencia, no mesmo espazo, sen ter ningún tipo de separación nin ningún tipo de acomodación, xera problemas importantes. Os centros non están adaptados e o persoal non está formado para atender a este tipo de usuarios e usuarias", incidiu.

Ante esta situación, o persoal reclama formación e que se adapten os centros, porque "se conviven, teñen que estar en áreas separadas, onde cada un teña atención especializada". Pola contra, o persoal "síntese incapaz ao non poder realizar o seu traballo coa calidade necesaria".

"Problemas laborais"

Doutra banda, o representante do comité advirte dos "numerosos problemas que arrastra" o persoal desde o ano 2012, cando se suprimiu a compensación por traballar en domingos e festivos e máis de 500 prazas nos centros de atención directa de política social.

"A día de hoxe recuperáronse apenas 300, polo que temos aínda un déficit importantísimo de persoal que non se está corrixindo", sinalou Gallardo Canitrot, quen tamén avisou das "graves dificultades que hai para cubrir substitucións, porque se fixo tan pouco atractivo traballar para a Xunta que hai importantes problemas".

Na súa intervención, denunciou tamén que á conselleira "éncheselle a boca dicindo que quere unha atención do século XXI cando non pon ningún tipo de medios e están a traballar con medios humanos e materiais do século XX". "E así é imposible dar unha atención de calidade e que as persoas empregadas teñan unha mínima atención de calidade", sentenciou.

Comentarios