Caravanas de coches percorren varias cidades exixindo máis medios para as residencias dependentes de Política Social

O comité intercentros convoca unha concentración diante de San Caetano o 28 de xuño.

Protesta de persoal traballador das residencias de Política Social en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta de persoal traballador das residencias de Política Social en Lugo. (Foto: Nós Diario)

Decenas de vehículos percorreron en caravana esta terza feira as cidades da Coruña, Lugo e Ourense para demandar da Consellaría de Política Social solucións pola problemática que se vive nas residencias polo ingreso de usuarios e usuarias con diferentes patoloxías, algo que interfire nas necesidades das persoas maiores ingresadas.

Tal e como explicou o presidente do comité intercentros, Manuel Gallardo Canitrot, a pesar de analizarse a situación derivada do ingreso dunha nova tipoloxía de usuarios e usuarias con Política Social, nunha reunión que decorreu a mediados do mes de maio, a Consellaría "non deu aínda resposta" a esta problemática. "Nesta xuntanza insistimos na situación que se está producindo nos centros, porque se trata de usuarios e usuarias máis novos e con diversas patoloxías psiquiátricas, alcohólicos, de dependencia ou de arraigamento social", afirman.

Gallardo Canitrot explica que os centros "non están preparados" estruturalmente para albergar a esta nova tipoloxía de usuarios e usuarias, polos conflitos que xeran, coas necesidades de tranquilidade e seguridade dos actuais usuarios e usuarias maiores nas residencias. Remarca, ademais, que "os e as profesionais non teñen os medios necesarios para unha boa atención, nin moito menos persoal suficiente para cubrir as necesidades, urxencias ou crises que poidan xurdir neste tipo de usuarios e usuarias".

O comité apunta que isto súmase a unhas condicións laborais "precarias", xa que o persoal destes centros de atención directa as 24 horas "non ten ningún tipo de compensación por traballar os sábados, domingos e festivos desde o ano 2012".

Na reunión con Política Social tamén se trasladou a demanda de dotar os centros de máis persoal, "dimensionando os cadros de persoal á realidade actual", xa que o cociente de persoal/usuario "é do ano 2006, cando a denominación era diferente e existían centros de atención a persoas 'válidas'".

Atraso inadmisíbel

Tanto a dirección xeral de FP como a Consellaría de Política Social, comprometéronse a presentar un documento para a súa negociación na semana da reunión ou, como moi tarde, a semana seguinte. Un documento que, segundo explica o presidente do comité intercentros, "ía pivotar sobre estas cuestións básicas e imprescindíbeis a día de hoxe, como a creación de postos de traballo; a compensación por traballar domingos e festivos e análises da tipoloxía dos usuarios e das usuarias dos centros e solucións inmediatas".

Por iso, con esta mobilización querían denunciar que tanto a Xunta da Galiza como a Consellaría de Política Social, "incumpriron de novo a súa palabra" e chaman á poboación a participar da concentración prevista para o vindeiro día 28 de xuño, ás 10.30 horas, ante a sede do Executivo galego en San Caetano (Compostela).

Comentarios