A afiliación á Seguridade Social obtén o mellor dato na Galiza desde o ano 2008

O número de persoas no paro é o menor da serie histórica do país.
Unha muller é atendida por un funcionario nunha oficina do Servizo Público de Emprego Estatal (Foto: Francisco J. Olmo).
photo_camera Unha muller é atendida por un funcionario nunha oficina do Servizo Público de Emprego Estatal. (Foto: Francisco J. Olmo)

A Seguridade Social gañou unha media de 10.898 persoas afiliadas en xullo na Galiza respecto ao mes anterior (+1,02%). Ademais, segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Ministerio español de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, o número total de afiliadas no país superou a cifra de 1,07 millóns, rexistrando 19.935 máis que hai un ano (+1,88%) e obtendo o maior nivel de ocupación desde 2008.

Un total de 851.611 das persoas que cotizaban en xullo na Seguridade Social na Galiza pertencían ao réxime xeral, mentres que 206.590 eran autónomas e 19.927 traballadoras do mar. Ademais, as persoas inmersas en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP) situouse ao finalizar xullo na Galiza en 121, por baixo das máis de 600 que se atopaban nesta situación en xuño.

A Galiza situouse como a terceira autonomía do Estado español que máis afiliacións á Seguridade Social gañou, só por detrás de Illes Balears (+12.912) e de Catalunya (+10.931). O ritmo de crecemento da ocupación foi maior no país (+1,02%) que no conxunto do Estado (+0,11%). Non obstante, en termos interanuais, é dicir, con respecto a xullo do ano pasado, a afiliación á Seguridade Social medrou máis a nivel estatal (+2,71%) do que o fixo na Galiza (+1,88%).

Por outra parte, o número de persoas desempregadas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego na Galiza baixou en 1.579 persoas en xullo en comparación co mes anterior (-1,22%), segundo datos publicados esta cuarta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social. O número de persoas no paro situouse en 127.445, a menor cifra da serie histórica e 8,87% menos que en xullo de 2022.

Non obstante, a maior redución do desemprego entre a poboación masculina (2,37%) que entre a feminina (0,42%) consolidou a fenda laboral de xénero (59,4% das desempregadas galegas eran mulleres en xullo). O paro baixou en todos os sectores, mentres que 3,2% das persoas desempregadas pertencían á agricultura, 10,2% á industria, 6,9% á construción, e a maioría, máis de 70,7%, pertencía ao sector servizos. Por outra parte, case 9% das persoas no paro non tivera un emprego previo e 3,6% tiña menos de 25 anos.

Ademais, a Galiza situouse como a terceira autonomía do Estado onde máis baixou o paro no último mes en termos absolutos, só por detrás de Andalucía (-5.166 persoas) e da Comunidade de Madrid (-2.926 persoas). En termos relativos, a caída do desemprego no país en xullo (-1,22%) tamén é maior que a nivel estatal (-0,41%). En termos interanuais, tamén descendeu máis o paro na Galiza (-8,87%) do que o fixo no Estado (-7,14%).

Os datos de contratación escurecen as estatísticas

En xullo rexistráronse na Galiza 75.906 contratos, dos que 53.339 foron temporais e 22.567 indefinidos. O volume de contratos foi superior en 3,78% aos formalizados no mes precedente. Porén, a contratación indefinida cae 1,85% mentres que a temporal sobe 6,37%. De cada 10 contratos rexistrados tres foron indefinidos, mentres que no Estado español foron catro de cada 10.


Os sindicatos alertan sobre o aumento da temporalidade

A CIG destacou esta cuarta feira que "a contratación indefinida descende, en conxunto, e medra a temporal, amosando que se trata dunha situación (o aumento da ocupación e o descenso do desemprego) soamente conxuntural, ligada a esta época do ano". O sindicato salientou, ademais, que os datos do paro "seguen a tendencia de descenso do desemprego da Unión Europea, mais que se está dando en peores condicións que no resto de Estados”.

CCOO apuntou a "unha desaceleración na redución do desemprego e na contratación rexistrada", así como ao "espectacular incremento da contratación temporal nos últimos meses". Pola súa parte, UXT solicitou "dar continuidade ás políticas de protección de dereitos e desenvolver durante a próxima lexislatura a reforma das causas e o custo do despedimento".

Comentarios