A inserción laboral de persoas con discapacidade descendeu no que vai de 2023

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) advirte dunha caída de 16% na contratación a través do seu programa de inserción laboral para persoas con discapacidade.
Orientadoras laborais traballando nunha oficina de Cogami (Foto: Cogami).
photo_camera Orientadoras laborais traballando nunha oficina de Cogami (Foto: Cogami).

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) detectou neste primeiro semestre do ano un descenso no número de ofertas de traballo lanzadas polas empresas galegas para a contratación de persoas con discapacidade, o que desencadeou unha baixada no número de insercións laborais con respecto ao ano anterior.

Desde inicios do ano, rexistráronse 433 ofertas de emprego remitidas polas empresas, 21% menos, o que repercutiu tamén no número de persoas contratadas, rexistrando unha baixada de 16%. En concreto, no que vai de 2023 foron contratadas 730 persoas, 143 menos que o ano pasado por estas datas.

Desta maneira, durante o ano pasado, o servizo de Emprego de Cogami captou 549 ofertas remitidas polas empresas que concluíron coa contratación de 873 persoas a través desta vía.

Entre as principais cidades galegas, na Coruña contratáronse a un total de143 persoas; en Ferrol, a 86; en Santiago, a 93; en Lugo, a 77; en Ourense, a 104; en Pontevedra, a 112, e en Vigo, a 115.

Segundo a coordinadora da área de Emprego de Cogami, María Carmen Insua, esta diminución nas ofertas lanzadas polas empresas está relacionada coa actual reforma laboral e a modificación nos contratos de traballo.

Impacto da reforma laboral

"A modalidade fixo descontinua incrementouse como alternativa á contratación temporal nas empresas, o que provoca que xurdan incompatibilidades á hora de acceder ás bonificacións á Seguridade Social, mesmo no período de inactividade, que limitan as posibilidades de mellora con novas oportunidades laborais para as persoas con discapacidade, xa que as empresas terían que esperar un tempo para acollerse a estas bonificacións", explicou Insua.

Por iso, destacou que un dos obxectivos de Cogami é sensibilizar ao empresariado para que incorpore persoas con discapacidade nos cadros de persoal das súas empresas. "Temos que romper con falsos mitos relacionados coa discapacidade e sensibilizar para que se vexan as capacidades da persoa, poñan en valor o seu talento e ofrezan oportunidades", subliñou.

Comentarios