Acoden traballar e encontran o local fechado e os xefes "en paradoiro descoñecido". Eis o curioso caso dunha empresa ferrolá

Segundo manifestaron as traballadoras, a xefa deu a todas as empregadas unha semana de vacacións e, ao seu regreso, atopáronse co "local completamente baleiro e fechado".
O local de Marylyn Nails Ferrol, agora fechado (Foto: Marylyn Nails Ferrol).
photo_camera O local de Marylyn Nails Ferrol, agora fechado (Foto: Marylyn Nails Ferrol).

Como cada día laborábel, as traballadoras do estabelecemento de estética Marylyn Nails Ferrol, acudiron esta semana ao seu posto de traballo para atoparse coa persiana baixada e os xefes "desaparecidos".

Segundo asegura unha delas, Mariana López, a xefa deu a todas as empregadas unha semana de vacacións e, ao seu regreso, atopáronse co "local completamente baleiro e fechado".

 Ademais, os números de teléfono dos responsábeis "non existen, están bloqueados", a páxina de Instagram está bloqueada e na internet o negocio aparece como "fechado permanentemente".

O problema, apunta esta traballadora, é que os empregados seguen "dados de alta" e, sen autorización dos seus xefes, non poden darse de baixa.

A estética, engaden, non lles pagou o último soldo nin a liquidación que lles correspondería. "Polo que temos entendido, levaron todo, xa que hai xente que os viu baleirar o negocio ao día seguinte que xa nos deron as vacacións", apuntou.

“Sen solución”

Outra das traballadoras, Cintia Cores, tamén detalla que "nos últimos días" tentaron informarse en distintos lugares, sen ningún resultado. "Todo o mundo nos di que non, que aquí non é, que aquí non nos poden axudar. Aínda que nos dan moito ánimo e que a cousa vai para longo, xa que, aínda que a denuncia estea feita, iso leva bastante tempo", apostilou.

Actualmente, no negocio traballaban catro empregadas máis unha quinta moza que viña só as fins de semana.

En canto ao paradoiro dos propietarios do estabelecemento, as traballadoras aseguran que descoñecen onde están. "Supostamente, eles ían para Suíza, porque supostamente a nai da nosa xefa estaba enferma, pero non sabemos onde están, se cadra están alí, se cadra están aquí, pero a policía e todos tentaron contacto con ela e nada, non dá sinais", finalizan.

Comentarios