Catro empresas galegas optan ás axudas por reducir xornada

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo informou que un total de 41 empresas no Estado español, das que 4 son galegas, solicitaron axudas para reducir a xornada laboral sen recortar salarios.
Traballador dunha empresa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballador dunha empresa. (Foto: Nós Diario)

Catro empresas galegas, dun total de 41 en todo o Estado español, solicitaron as axudas destinadas a que pequenas e medianas empresas (Pemes) industriais leven a cabo proxectos piloto para reducir a xornada laboral sen recortar os salarios do seu persoal.

Esta convocatoria púxose en marcha desde o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e o seu obxectivo é o de contribuír a lanzar estes proxectos piloto para recompilar datos que permitan unha avaliación "fiábel" ao conxunto das pequenas e medianas empresas do sector industrial.

O valor total dos gastos subvencionábeis solicitados nos 41 proxectos ascende a 2,83 millóns de euros e o a redución de xornada beneficiaría a 503 persoas, segundo informou o Ministerio de Industria. 

Terceira en solicitudes

Para o titular desta carteira, Héctor Gómez, este programa piloto demostra que as empresas están abertas a unha nova forma de organizar as súas xornadas, con reducións do tempo de traballo sen afectar os salarios e mellorando os seus resultados. "Todos gañan, Pemes, traballadoras e traballadores", subliñou o ministro.

Por número de solicitudes, a Galiza sitúase en terceira posición, empatada con Euskadi. As que acumulan un maior número son Catalunya, con once, e Andalucía, con seis. Durante o período de presentación de solicitudes recibíronse un total de 165 peticións de información de entidades de diversos sectores. 

"A diversidade e a calidade das propostas presentadas evidencian o talento e a creatividade das Pemes industriais interesadas, abarcando unha ampla gama de sectores, como enxeñería, arquitectura, material e equipo eléctrico, caucho, téxtil, distribución e alimentación", sinala o Ministerio.

Comentarios