Aprobado o calendario laboral de 2024: estes serán os días festivos na Galiza

A normativa estatal estabelece as 14 festas anuais de ámbito estatal non recuperábeis, remuneradas e de carácter obrigatorio

O Consello da Xunta aprobou o calendario laboral da Galiza para o ano 2024 (Foto: Nós Diario).
photo_camera O Consello da Xunta aprobou onte o calendario laboral da Galiza para o ano 2024.

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira, 29 de xuño, o calendario laboral da Galiza para o ano 2024, no que volveron fixar como festivos propios o Día das Letras Galegas, o 17 de Maio, e o Día da Patria Galega, o 25 de xullo.

Así, tendo en conta os estatais e sen contar os que escolla cada Concello, os festivos para o próximo ano serán:

  • Aninovo, 1 de xaneiro;
  • o Día de Reis, o 6 de xaneiro;
  • quinta feira santa, o 28 de marzo;
  • sexta feira santa, o 29 de marzo;
  • Día Internacional da Clase Traballadora, o 1 de maio;
  • Día das Letras Galegas, o 17 de Maio;
  • Día da Patria Galega, o 25 de xullo;
  • Asunción da Virxe, o 15 de agosto;
  • Día do Pilar, o 12 de outubro;
  • Todos os Santos, o 1 de novembro;
  • Día da Constitución, o 6 de decembro,
  • e o Día de Nadal, o 25 de decembro.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que a normativa estatal estabelece as 14 festas anuais de ámbito estatal non recuperábeis, remuneradas e de carácter obrigatorio. Delas, dúas xornadas son festividades locais ao ser elixidas por cada Concello.

Así, dos 12 días restantes, nove son obrigatorios e non substituíbeis (a non ser que coincidan en domingo): o 1 de xaneiro, quinta feira santa (que coincide en 29 de marzo en 2024), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.

O próximo ano haberá un festivo estatal obrigatorio que coincide en domingo, o Día da Inmaculada, o 8 de decembro, que a Galiza propón substituír polas Letras Galegas, o 17 de maio.

Os outros tres festivos estatais son opcionais. O 6 de xaneiro, que na Galiza nunca se cambia, salvo que coincida en domingo; quinta feira santa, o 28 de marzo; e o terceiro pódese escoller entre 19 de marzo e 25 de xullo.

Comentarios