A CIG ocupa o Concello do Carballiño para exixir a readmisión das traballadoras dunha residencia

O sindicato xa ocupou o pasado mes de xullo o Bispado de Ourense para exixir a fin do "acoso laboral" nunha residencia do Carballiño.
Representantes da CIG accederan á Casa do Concello de Carballiño para denunciar as condicións do persoal da residencia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Representantes da CIG na casa do Concello de Carballiño. (Foto: Nós Diario)

Integrantes da CIG ocuparon na mañá desta sexta feira o salón de plenos do concello do Carballiño para exixir ao alcalde, Francisco José Fumega Piñeiro, como membro do Padroado da Fundación Hermanos Prieto, que dirixe o asilo da vila, que interveña para conseguir a readmisión das traballadoras despedidas.

O secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, denunciou que, a pesar de que a orixe deste centro era o fin social, "desde hai dous anos, cando se contratou unha nova directora, Nuria Iglesias, á súa vez presidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense, ese fin social desapareceu para converter o centro de maiores nun negocio á procura de beneficios".

Pérez Carballo explicou que para conseguir ese obxectivo, a nova directora apostou por “desfacerse de xente que tiña moito tempo de antigüidade”.

Segundo detallou, hai un ano, cando as traballadoras comezaron a sindicarse, Iglesias despediu unha traballadora á que consideraba portavoz, que tivo que ser readmitida após dunha demanda presentada pola CIG.

Sancións e despedimentos

A Fundación Hermanos Prieto, despois de levar perdidas máis de 20 sentenzas no Xulgado do Social por incumprimento do convenio, decidiu "pór en marcha unha política de sancións disciplinarias chegando, no caso de dúas traballadoras, ao despedimento".

Para a central sindical trátase "dunha política de acoso e de presións" contra as profesionais do asilo do municipio.

En consecuencia, a CIG desenvolveu concentracións e ocupacións da Catedral, do Bispado e da casa do concello para demandarlle ao Padroado da Fundación, do que forman parte o bispo, o arcipreste e o alcalde do Carballiño, que asuma a súa responsabilidade e "actúe para frear o novo modelo de negocio que se está montando no asilo".

Neste sentido, o secretario comarcal da CIG de Ourense mostoru a súa indignación pola actitude do alcalde que, no canto de achegarse ás traballadoras "para coñecer a súa situación", recorreu á Policía Local para que os desaloxara do salón de plenos do Concello.

Comentarios