Chaman á folga ao persoal da Galiña Azul, centros de día e residencias xestionadas pola Xunta

"Non queriamos convocar unha folga tan prexudicial para as persoas máis vulnerábeis, mais [desde o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar] non nos deixaron outra saída", lamenta o persoal.
Unha das protestas convocadas polo persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha das protestas convocadas polo persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. (Foto: Europa Press)

Persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar prevé un inicio de curso "complicado" para as familias usuarias dos servizos de coidados xestionados pola Xunta da Galiza. O "máximo responsábel", di a CNT nun comunicado, é o xerente do servizo, Perfecto Rodríguez Muíños.

As e os traballadores subliñan que non querían convocar unha folga "tan prexudicial" para as persoas vulnerábeis, mais non ven "outra saída" para que "desde os despachos" escoiten as súas reclamacións.

A folga principiará o vindeiro 5 de setembro, terá unha duración de 24 horas e ficará vixente até o día 16. O proceso repetirase do 3 ao 14 de outubro, do 2 ao 11 de novembro e do 12 ao 23 de decembro.

Desde a CNT apuntan que unha das principais causas do endurecemento das protestas é que o xerente "non solicitara a Función Pública a convocatoria dun proceso selectivo propio".

Aliás, acúsano de "desatender as súas funcións, declarándose incompetente para negociar cando é o único que pode resolver o tema da temporalidade do persoal, como están a facer as xerencias doutros entes instrumentais". Esta situación, precisan, afecta "máis de 1.500 prazas e máis de 15.000 familias".

Demandas do persoal

A folga desconvocarase se o Consorcio cumpre as reclamacións do persoal, nomeadamente garantir unha convocatoria "única e específica", unha oposición "non eliminatoria" e contabilizar a formación impartida pola propia entidade.

Ao mesmo tempo, urxen a retirada do concurso de traslados, un baremo "xusto" no que a experiencia supoña 90% e que se contabilice a antigüidade no Consorcio o triplo que en calquera outra administración.

Comentarios