Profesionais denuncian a precariedade laboral nas residencias públicas da Xunta da Galiza

Persoal técnico en coidados auxiliares en enfermaría dos centros sociosanitarios públicos dependentes da Consellaría de Política Social denunciaron este sábado a través dun comunicado unha "falta extrema" de persoas traballadoras.
Persoal das listas temporais das residencias públicas galegas manifestou esta semana ante a sede da Xunta da Galiza (Foto: Europa Press)
photo_camera Persoal das listas temporais das residencias públicas galegas manifestou esta semana ante a sede da Xunta da Galiza (Foto: Europa Press)

Persoal técnico en coidados auxiliares en enfermaría dos centros sociosanitarios públicos dependentes da Consellaría de Política Social denunciaron este sábado unha "falta extrema" de persoal nas quendas de traballo coas "garantías suficientes para unha correcta e digna atención ás persoas usuarias".

As persoas traballadoras destes centros aseguran que desenvolven a súa actividade cunha "saturación de traballo grandísima" xa que, segundo explicaron, "non hai persoal nas listas de contratación temporal".

Así mesmo, manifestaron que as condicións dos contratos fan que moitas das persoas apuntadas nas listas decidan optar por contratos no Sergas, residencias privadas ou outras opcións.

Neste sentido, cualificaron de "contratos lixo" os contratos de media xornada ou fin de semana que fan que "as listas queden baleiras".

"A nosa sobrecarga de traballo sobrepasa, con moito, os límites extremos en moitos departamentos de determinados centros, ocasionando lesións ou baixas laborais", denunciaron.

Sen persoal para cubrir baixas

Estas baixas, alertan "non poden cubrirse, nalgúns casos, ao non haber persoal nas listas de contratación temporal e, por tanto, os coidados ás persoas residentes non son os adecuados que se lles daría cun persoal completo", manifestaron nun comunicado.

Ante isto, algúns centros como o de CAPD Redondela, así como a segunda planta do CRAPD 1 de Vigo presentaron queixas ante a Valedora do Pobo, xa que insisten en que a carga de traballo é "extrema".

Comentarios