"Están en risco miles de postos de traballo". A Confraría de Noia alerta sobre as verteduras de San Finx

O patrón maior de Noia, Santiago Cruz, preguntouse "como se pode permitir o baleirado de millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con metais pesados cando a mina non conta cos permisos necesarios para funcionar".
Protesta do sector pesqueiro esta semana en Noia ante a Casa do Concello (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta do sector pesqueiro esta semana en Noia ante a Casa do Concello (Foto: Nós Diario).

A Confraría de Pescadores de Noia instou onte á Xunta da Galiza a "actuar con cordura e paralizar" a autorización de verteduras aos titulares da mina de San Finx, propiedade da australiana Pivotal Metals en Lousame, ante o risco que, afirman, ten para a ría polos seus niveis de concentración de metais pesados.

A entidade noiesa informou da entrega dun novo informe técnico sobre o proxecto de vertedura procedente da mina no que o doutor en Xeofísica pola universidade estadounidense de Cornell, Steven H. Emerman, advirte do "absoluto fracaso da proba piloto" para o tratamento das augas residuais da mina.

"Non lograron controlar os niveis de zinc"

Segundo a confraría, o documento revela que estes ensaios "non lograron controlar os niveis de zinc" e presentan "concentracións de cadmio e cobre disparadas, moi por encima dos valores máximos permitidos para estes metais pesados tóxicos". O pósito alerta sobre as "deficiencias" no estudo dos niveis contaminantes.

"Tanto a confraría como outras entidades e o propio Concello de Noia xa anunciaron que levarán a Xunta aos tribunais se non se recoñece a ilegalidade da autorización", engadiu a confraría.

Neste sentido, o patrón maior de Noia, Santiago Cruz, preguntouse "como se pode permitir o baleirado de millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con metais pesados cando a mina non conta cos permisos necesarios para funcionar", en alusión ás palabras de Francisco Conde (conselleiro de Economía e industria) no Lexislativo galego, onde apuntou que a explotación carece de permiso de actividade mineira no punto para o que se deu permiso á vertedura.

"En risco miles de postos de traballo"

"O lóxico sería, en todo caso, que a autorización de verteduras se concedese só despois de que existise un proxecto mineiro con declaración de impacto ambiental favorábel, o que neste momento non existe", aseverou Cruz, que advertiu que están "en risco miles de postos de traballo na comarca", polo que avanzou que continuarán adiante coas mobilizacións e as accións até que o premiso ás verteduras "sexa tombado".

Comentarios