A Xunta sae en defensa de San Finx: "Conta con todas as garantías"

A oposición exixe suspender a autorización para a vertedura de residuais.
BNg e representantes cofradías noia san finx-min
photo_camera Membros das confrarías de Noia e Portosín acudiron ao Parlamento por invitación do BNG.

Nin confrarías e sector marisqueiro, nin concellos da comarca de Noia —de diferentes cores políticas— nin a oposición parlamentar, nin ambientalistas e colectivos sociais desbancan a Xunta do seu apoio á autorizacización dada por Augas de Galiza o pasado día 1 para a vertedura de augas residuais das minas de San Finx, en Lousame.

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, dixo que a autorización "axústase á normativa" e que a empresa asegurou que cumpriría cos parámetros de calidade das augas. 

Do que se lle vén de dar permiso á empresa, insistiron onte na Cámara galega Rosana Pérez (BNG) e Pablo Arangüena (PSdeG); é de baleirar máis de 600.000 metros cúbicos de augas que hai nas galerías da mina, "e que teñen metais, cadmio, cinc ou cobre". A deputada nacionalista advertiu da "alarma social provocada pola autorización" e do risco que supuña para os 1.500 postos de traballo directos no marisqueo na ría de Noia. 

"Non cumpre a lexislación"

"A autorización non cumpre coa normativa vixente", denunciou Rosana Pérez, citando a ausencia dun estudio de impacto ambiental, algo que tamén denunciou Pablo Arangüena e que Francisco Conde quixo sacarlle ferro: "Autorizamos a vertedura [desas augas], non a explotación mineira". O parlamentario socialista convidou o conselleiro, "xa que esa auga [da mina] din vostedes que ten uns parámetros normais", a desprazarse até Lousame e "beber un vaso dela mentres eu miro".

Conde acusou tanto a nacionalistas como socialistas de "intentar retorcer" o motivo da autorización de vertedura e acusounos de "andar co seu dedo de xuíz decidindo que empresas son boas e que empresas son malas para a Galiza". Pérez, pola súa parte, preguntoulle por que "permiten que unha empresa incumpra a lei". 

Comentarios