Indignación no marisqueo a pé noiés ante unha nova semana sen recoller bivalvo

A confraría de pescadores de Noia anunciou que, debido ao tardío horario da marea baixa e á imposibilidade de atrasar as poxas, o marisqueo a pé non poderá saír ao mar nin a cuarta nin a quinta feira. Unha decisión que xerou indignación no sector.
Mariscadoras desenvolvendo a súa actividade na ría de Muros e Noia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mariscadoras desenvolvendo a súa actividade na ría de Muros e Noia (Foto: Nós Diario).

O colectivo do marisqueo a pé da confraría San Bartolomeu de Noia expresou esta terza feira a súa indignación por ter que pasar unha semana máis sen saír ao mar, unha situación que afecta ao redor de 500 persoas que se dedican a esta actividade no pósito noiés. 

Esta problemática vese acentuada polo feito de ser unha campaña cuxo comezo xa se viu atrasado en máis de tres semanas, nas que a toxina non permitiu o aproveitamento dos bancos marisqueiros.

A confraría acordou que o colectivo do marisqueo a pé non saia a recoller bivalvo na cuarta e na quinta feira aducindo dúas razóns, que a marea baixa coincide moi tarde e a imposibilidade de atrasar a poxa do produto recolecto, o que provoca que non poidan traballar en toda a semana, pois os festivos e vésperas dos mesmos xa non o poden facer.

O recentemente reelixido como patrón maior, Santiago Cruz, sinalou aos medios que "os compradores negáronse a atrasar a poxa" e que se corría o "risco" de que "as capturas quedasen sen vender".

Unhas declaracións coas que non concorda o presidente electo da asociación de mariscadores a pé, Francisco Pérez. En declaracións a Nós Diario, sinalou que "aínda que a lei de acuicultura permite o marisqueo até as 18 horas, nesta confraría limítase ás 16 horas precisamente por ese problema cos compradores". 

Porén, sinala, "podíamos ter saído esta cuarta feira ás 14.30 ou ás 15 horas sen necesidade de que a poxa se atrasase, había solucións e a confraría non quixo". "As veces que se atrasou a poxa acabaron levando todo o marisco, parece que a xunta xeral no canto de buscar solucións para os nosos problemas defende os intereses dos compradores", denuncia Pérez. 

"A xente pensa que esta situación é unha represalia por ter perdido as votacións no colectivo do marisqueo a pé, a candidatura do patrón gañou en armadores e mariñeiros, mais a candidatura de a pé perdeuna, eu quero pensar que non é así mais a pouca vontade de solucionar os nosos problemas é desesperante", explica o representante do marisqueo a pé.

O cambio climático pon en risco os bancos interiores das rías galegas

O cambio climático pon en perigo o futuro da extracción de bivalvo nas zonas interiores das rías, unhas especies que se "localizan principalmente en zonas superficiais situadas na parte interna das rías", onde o colectivo do marisqueo a pé desenvolve a súa actividade, así como nas zonas "con pouca profundidade en partes medias e externas das rías debido ao seu límite térmico inferior a 15 graos centígrados". 

Así se desprende do recente estudo científico publicado por persoal investigador das universidades de Vigo e Aveiro (Portugal), titulado Vai o cambio climático afectar as zonas de confort térmico das especies de bivalvo de importancia socioeconómica nas Rías Baixas?

A resposta é que se espera que a extensión das áreas propicias para o bivalvo "se incremente ao longo do século XXI" para a maioría de especies, aínda que "se producirán modificacións na distribución", que podería "aumentar cara ás partes externas e intermedias das rías, mentres que na parte interna podería diminuír, caendo a produtividade dos bancos de marisco". Por iso, conclúe o estudo, "o marisqueo a pé podería ser o máis afectado".

comentarios