- Dúas leis paralelas
- Os currículos, sen publicar
- Fin dos exames de setembro
- Sistema centralizado de FP básica
- Matrícula adiantada na EOI
- Inicio o 8 de setembro
A Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de trasladar aos centros educativos as instrucións de cara ao final do presente curso e o inicio do vindeiro, o 2022/23, co obxectivo de "facilitar ao máximo a organización e planificación lectiva" por parte das direccións.
Dúas leis paralelas
Segundo informa a Xunta, trátase de dar "seguridade xurídica" aos colexios e institutos e "certezas" ás familias do alumnado, posto que no próximo ano académico estarán en vigor de maneira simultánea dúas leis educativas: a nova Lomloe, para os cursos impares, e a Lomce, para os pares.
Neste contexto, o profesorado, a través da plataforma informática interna creada para tal fin, xa ten acceso ao currículo para a elaboración das programacións didácticas dos cursos impares antes de que se aproben os currículos.
Os currículos, sen publicar
A pasada semana o Goberno galego abordou cos sindicatos —CIG, ANPE, UXT E CCOO— en mesa sectorial os borradores dos decretos que fixan os currículos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato para o curso 2022/23 na Galiza, que aínda deben ser aprobados e publicados.
Ante este panorama, a Consellaría lamenta "o atraso" do Goberno estatal na publicación do seu parte dos currículos, o que leva a que "non estean publicados os textos definitivos" antes do arrranque das clases.
Fin dos exames de setembro
Entre as novidades que inclúe a planificación está a redistribución das datas de probas e períodos de matrícula, após a eliminación das probas extraordinarias de setembro coa nova lei educativa.
Sistema centralizado de FP básica
No que atinxe a Formación Profesional (FP), os graos básicos terán un sistema centralizado de matrícula que, segundo destaca a Consellaría, "favorece ás familias e ao alumnado" que opta por esta modalidade.
Así, no caso das e dos estudantes que finalicen a ESO e queiran optar á FP básica, serán os propios centros de orixe os encargados de tramitar a documentación e as solicitudes de praza no ciclo que queiran.
Matrícula adiantada na EOI
Do mesmo modo, para a Escola Oficial de Idiomas (EOI) a Xunta decidiu adiantar aos meses de xuño e xullo o proceso de matrícula, que até o de agora se desenvolvía en setembro.
A preinscrición nestes centros para o alumnado que entren por vez primeira será entre o 27 e o 10 de xuño. No que se refire ao período de matrícula, as e os estudantes que aproben en convocatoria común deberán formalizala entre o 20 e o 30 de xuño; os que o fagan na extraordinaria, do 1 a 7 de xullo, e para o resto —incluídos os que entran por primeira vez, tras a preinscrición— será do 1 a 20 de xullo.
Aliás, as probas extraordinarias de setembro pasan a xuño e, neste curso, decorrerán a partir do día 20 deste mes.
Inicio o 8 de setembro
Por outra parte, a Consellaría informa de que esta quinta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicará o calendario escolar para o curso 2022-23, que non contén novidades a respecto da proposta elevada á mesa sectorial docente a pesar das críticas dos sindicatos, que pedían atrasar o arranque.
Así pois, o curso comezará o 8 de setembro para todas as etapas educativas, incluídas as de Secundaria, Bacharelato e Ensino de Réxime Especial.