Semanario

Xa á venda, até a segunda feira, o número 500 de 'Sermos Galiza'

Arriba, de esquerda a dereita, Adrián Dios, Arancha Nogueira, Álex Guillán, Elsa Quintas e Daniel González; abaixo, Iria Veiga, Roi Cuba, Melania Cruz, Iago Valverde e Paula Domínguez. (Fotos: Arxina)
Edición especial polo medio milleiro de exemplares do semanario Sermos Galiza, cuxa empresa editora fixo dez anos o pasado 26 de abril.

E chegou o día! Na madrugada deste sábado saíu do prelo o número 500 do semanario Sermos Galiza e nestes intres xa está dispoñíbel nos quiosques de todo o país —acompañando o exemplar de hoxe do xornal Nós Diario— e máis na nosa loxa en liña. Este número especial poderá mercarse o sábado, o domingo e mesmo a segunda feira.

Sermos Galiza leva unha década informando acerca de incontábeis temáticas de relevo e importancia para a Galiza con reportaxes sobre cultura, ciencia, investigación, sectores produtivos...

A empresa, editora de Nós Diario, fixo dez anos o pasado 26 de abril, unha data que aproveitamos para dar a coñecer a nova edición dixital do xornal, cun deseño limpo e intuitivo que prima a fácil accesibilidade e pon o foco nas informacións de actualidade —combinadas, como non podía ser doutro modo, coas publicacións do papel—.

É por estes motivos que non podiamos deixar pasar por alto a efeméride que supón o aniversario de Sermos. Para este tan especial número 500 o semanario achega dez entrevistas en 64 páxinas a persoas pertencentes a diversos ámbitos da sociedade galega. Xente nova, os alicerces do futuro dun país e que achegan as súas perspectivas e puntos de vista sobre os seus sectores.

96 páxinas por só tres euros —incluíndo as 32 do Nós Diario deste sábado—... Non deixes escapar esta oportunidade e visita o teu quiosque máis próximo!

As entrevistas do 'Sermos 500'

Entre as persoas entrevistadas para esta edición especial do Sermos Galiza, encóntranse Iago Valverde, arquitecto e colaborador do semanario e que afondará na arquitectura galega actual e a súa "boa saúde".

Daniel González Palau, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e experto en relacións internacionais, aborda  a situación da Galiza nun mundo cambiante.

Adrián Dios será outro dos entrevistados. É profesor de Historia Económica Mundial na USC e analizará o ámbito da enerxía e as crises financeiras, dúas cuestións chave de grande interese para a Galiza.

A quinxentésima edición do Sermos Galiza tamén contará con Iria Veiga, médica psiquiatra e divulgadora científica, que afondará na problemática da saúde mental así como dos retos de futuro que enfronta a ciencia e a medicina.

O biólogo lugués Roi Cuba,  presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), relatará o legado do movemento ecoloxista galego a través das súas loitas históricas e analizará a situación en que se atopa a Galiza ante a proliferación de parques eólicos en territorio de especial interese ambiental ou ante do cambio climático.

O músico Alejandro Guillán, 'Baiuca', repasará a súa traxectoria e analizará diferentes trazos da súa música que recolle o valor do tradicional e mestura con novas sonoridades.

Continuará o Sermos coa entrevista a Elsa Quintas, avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística. Con ela abórdase a situación da lingua galega e a vulneración dos dereitos lingüísticos, principalmente no que ten a ver coa Administración e os poderes públicos.

A escritora Arancha Nogueira será outra das entrevistadas. Relatará as súas perspectivas sobre a literatura galega actual e os retos de futuro.

Pola súa parte, a actriz Melania Cruz analizará a situación do teatro e cinema galegos e as necesidades do sector.

Por último, a futbolista Paula Domínguez 'Pauleta' relatará as súas experiencias no deporte e abordará o machismo que se sofre no fútbol e a loita das mulleres para vencelo.

Unha aposta polo xornalismo independente

Durante todo este tempo, primeiro Sermos e posteriormente Nós caracterizáronse por defender un xornalismo de calidade, independente e ao servizo dos intereses do pobo galego, algo que non tería sido posíbel de non ser polos centos de persoas subscritoras que confiaron, e seguen a confiar, neste proxecto.

Cómpre lembrar, neste senso, que Nós Diario foi novamente a única cabeceira de tiraxe diaria que ficou excluída pola Xunta da Galiza do reparto de subvencións aos medios de comunicación impresos de 2022, unha decisión que agora se dirime nos tribunais.

É por iso que precisamos do teu apoio. Lembra que podes subscribirte, quer á edición dixital quer ao xornal impreso, a través desta ligazón para apoiar un xornalismo independente na Galiza e, sobre todo, ao servizo da cidadanía.