"Entendo que o tratamento dado á nova da absolución do presidente da Mesa pola Normalización foi condicionado pola dinámica da actualidade dese día, con moitos asuntos de notable transcendencia coincidindo no tempo que obrigaron a deixar a nova fóra de escaleta ata atopar un oco no Bos días da xornada seguinte, un informativo "tan valioso como calquera outro".
Foi esta a resposta que o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, deu na comisión de control celebrada esta sexta feira no Parlamento galego, onde a deputada do BNG Ana Pontón se interesou polos motivos que levaron á televisión pública a dedicarlle moito máis tempo informativo á denuncia e ao xuízo que á absolución de Carlos Callón.
"Nós á Mesa dedicámoslle a atención que merece, e punto"
Segundo Sánchez Izquierdo, "a noticia, o verdadeiramente interesante, independentemente do veredicto" foi a demanda que o xuíz Fraga Mandián presentou contra Callón após este telo corrixido por empregar o topónimo ilegal 'La Coruña'.
Aliás, aproveitou para reclamar da Mesa "un recoñecemento a 29 anos como elemento normalizador da nosa lingua". Malia que nos actos e roldas de imprensa que organiza o colectivo pola normalización a presenza da radio e da televisión pública galegas non é habitual, o director xeral do ente explicou que "nós á Mesa prestámoslle a atención que merece, e punto".
"Agradézolle moito as súas explicacións porque demostran as causas da censura: que non lle gustan as opinións da Mesa", recalcou Ana Pontón na súa quenda de resposta, facendo fincapé nos ataques contra o galego que a asociación que preside Callón vén denunciando.
Reprochoulle tamén a censura á folga do ensino que se está a desenvolver nas Illes Balears após a aprobación dun decreto calcado do que na Galiza impuxo o PP e que reserva para o catalán unicamente o 33% das aulas. Sánchez Izquierdo afirmou que non dá seguimento ao blogue eunonmanipulo en que @s traballador@s da CRTVG denuncian a manipulación nos medios públicos "porque teño por costume non prestarlle atención a nada que sexa anónimo".