Desde CIG-Saúde explican que a roupa do HULA vai facer o lavado á lavandaría do CHUAC, na Coruña, "mais por algunha causa que descoñecemos non volve toda; é máis, vai unha determinada cantidade de roupa nova e volve a metade de roupa vella", alertan.
A estas alturas do ano, sinala a plataforma sindical, xa non hai orzamento para sacar roupa nova. "Programar un sistema de trazabilidade é moi caro, polo que a problemática parece irresolúbel e é imposíbel asumir que nun hospital público isto non teña remedio", censura a CIG-Saúde.
A central considera intolerábel que o persoal teña que pelexar por unha peza de roupa para que as doentes non o pasen mal, "como tampouco é tolerábel que as traballadoras da lencería teñan que poñer a cara coas compañeiras porque as primeiras piden roupa e as segundas non a teñen", incide.
Hai xa dous meses, a representación da CIG volveu trasladar esta problemática á dirección. "A estas alturas seguimos igual. O único que fixeron foi quitar prazas de estacionamento para facerlle sitio ao camión que vén sen roupa, o que non deixa de ser unha boa sorna", advirte o sindicato.
Ante a falta de actuacións por parte da dirección, son as traballadoras da lencería quen, segundo a CIG, intenta solucionar o problema, "facendo equilibrios numéricos para repartir un pouquiño en cada sitio".